«O mellor é a unión que hai na parroquia»

amelia ferreiroa

DEZA

miguel souto

Donsión acollerá o 10 de febreiro un dos eventos previos á feira, no que traballan 43 veciños

23 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Á parroquia de Donsión tócalle organizar neste ano a recreación da matanza tradicional do porco, e niso están. Os comezos foron tímidos recoñece Antonio Pereiro, coordinador do acto, pero o difícil xa está feito.

-Xuntar á xente pensei que ía ser complicado pero pouco a pouco os veciños fóronse apuntando e actualmente temos unha participación importante; somos 43 persoas involucradas no evento. Poñerse co presuposto e perfilar a organización levou o seu tempo pero agora o máis complicado xa está listo.

-Cada parroquia busca un dos sitios máis emblemáticos para a matanza, ¿cal será o de Donsión?

-É a Casa de Blanco, propiedade de Amador, unha edificación que chama a atención. Conta cunha lareira espectacular que penso que non hai ningunha igual pola contorna. A casa aínda está en proceso de restauración pero ocuparemos unha parte que está lista.

-Á escenificación da matanza engadirán algo máis?

-O músico Benxamín Otero está axudando para intentar botar unha copliña antes de empezar a faena, as mulleres farán unhas filloas para ir quentando a mañán e despois faremos os traballos todos da matanza de tres días: mata, parta e elaboración dos chourizos, que resumiremos en só unhas horas. Intentaremos que a igrexa, que é unha xoia, esté aberta para os que se queiran achegar e posiblemente contemos tamén cunha pequena exposición de coches clásicos.

-O xantar a base de produtos derivados do porco?

-Si. Haberá unha carpa e sitio suficiente para que a xente deixe os coches e o xantar será a base de lacón asado, chourizos, panceta e doces caseiros cuxa elaboración correrá a cargo das mulleres da parroquia.

-Previsión de asistencia?

-Unhas 700 persoas e se chegamos a mil mellor.

-Satisfeito?

-Si. O mellor é a unión que hai parroquia, que se conseguiu. É unha maneira de estar todos xuntos e estou encantado de ter a parroquia unida.