Queen Symphony, o máis colosal da Artística

amelia ferreiroa

DEZA

A banda de Merza estrea na Cidade da Cultura a obra de Kashif acompañada polo coro vigués Gli Appassionati

25 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclo de concertos ao solpor Atardecer no Gaiás despedirá este mes de xullo coa estrea na comunidade este venres ás 21 horas na Praza Central da Cidade da Cultura a obra Queen Symphony, composta no ano 2002 por Toga Kashif, da man da Banda Artística de Merza que estará acompañada polo Coro Gli Appassionati de Vigo. Baixo a dirección de David Fiuza cento setenta instrumentistas e voces permitirán escoitar temas da formación liderada por Freddie Mercury no que foi calificado polo propio director da Artística de Merza como «un concerto colosal polos músicos e polas dimensións da obra». Unha obra dunha hora de duración, escrita para a Royal Filarmonía de Londres, que nunca se interpretou en Galicia e que «mezcla a música rock pero que está tratada no eido sinfónico. Non é un concerto rock aínda que esté inspirada na música de Queen xa que o tratamento sinfónica e casi romántico».

Un concerto que se presenta coma un gran reto para a formación bandística de Merza polas dificultades que conleva tanto a montaxe coma a coordinación precisa entre instrumentistas e voces participantes no proxecto, «pero como estamos no 190 aniversario da Banda Artística de Merza imos a polo reto e intentaremos facer esto que en Galicia nunca se fixo e esperamos que lle guste ao público». Antes do gran estreo deste venres quedan aínda os últimos ensaios; «traballo que fomos facendo por separado cada un ensaiando as súas partes, logo veu unha quedada en Vigo cun ensaio xeral no conservatorio que nos serviu tamén para analizar as experiencias do primeiro encontro, e agora resta un último ensaio conxunto antes co concerto». Horas infinitas de traballo están ás costas de músicos, coralistas e do director da Artística pero tamén un «altísimo grao de entusiasmo e de ilusión por parte da xente dende o minuto un en que nos propuxemos facer isto».

A Queen Symphony interpretarase noutras cidades coma Vigo a onde chegará o 28 e o próximo 10 de novembro estará posiblemente no Auditorio de Ourense. «É difícil mover este concerto por persoas e infraestructura».