«Concentrar servizos relixiosos non é castigar senón mellorar»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Nove curas, entre eles o lalinense Gil Mato, foron homenaxeados onte polos seus 50 anos de sacerdocio

11 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na festividade de San Juan de Ávila, patrono do clero secular, o Bispado de Lugo homenaxeou a nove curas na celebracióndas súas vodas de ouro sacerdotais; entre eles o lalinense David Gil Mato, actual párroco de Láncara.

Nado na parroquia de Santa María de Soutolongo, Licenciado en Sagrada Teoloxía Gil Mato tivo o seu primeiro destino en San Juan de Seoane do Caurel. Corría o ano 1969 e daquelas, lembra David Gil, «había moito que facer nun sitio no que só circulaban dous coches en todo o concello, sen camiños, sen servizo eléctrico nin auga corrente nas casas pero lembro con agarimo aqueles anos nos que existía unha forte unión e confianza entre familias e sacerdote. Creo que isto xa se perdeu». Da súa entrañable estadía sacerdotal no Courel rememora os dez anos que promoveu dende a parroquia colonias infantís ás Rías Baixas para mellorar o bocio dos cativos. «Era un mal endémico que había alí e levabamos un cento de nenos á praia para mellorar as súas doenzas, e tamén a ver o mar que era para eles toda unha novidade. Creo que agora o tema do bocio está erradicado alí afortunadamente». David Gil Mato exerceu tamén a docencia: foi asesor relixioso do centro de EXB de Seoane do Caurel e director do Instituto Teolóxico Lucense. Labores de docencia das que está na actualidade afastado, centrándose na parroquia de Láncara e oito máis da contorna malia a estar xubilado. «Mentras poida continuarei atendendo aos meus fregueses pero está claro que cada vez a poboación en termos xerais está máis envellecida e na igrexa, ao igual que se fixeron concentracións en escolas e na sanidade, hai que apostar por concentrar servizos relixiosos. Iso non significa castigar senón que é mellorar e hai que crear esa conciencia entre os fieis». David Gil Mato ten as súas costas 50 anos de sacerdocio e de vivenzas. «Fomos quenes de vivir un momento sumamente rico, do paso do burro ao avión e do candil á luz eléctrica. Fomos protagonistas desa evolución».