Cincoenta anos de sacerdocio de Eliseo García

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Eliseo García, na igrexa de Vilatuxe cuxa cuberta se prevé cambiar en xuño.
Eliseo García, na igrexa de Vilatuxe cuxa cuberta se prevé cambiar en xuño. miguel souto

Despois de 36 anos na provincia de Lugo leva dende o ano 2008 en Deza, «nun achegamento á terra onde nacín»

10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eliseo García Sanmartín será homenaxeado hoxe en Lugo, xunto a outros quince compañeiros de ordenación, por mor da celebración das súas bodas de ouro sacerdotais. Os actos programados dende a Diocese de Lugo na festividade de San Xoán de Ávila comezarán cunha conferencia titulada «Jesús de Nazaret en el camino teológico de J. Ratzinger» a cargo do decano de Teoloxía da Universidade San Dámaso (Madrid), Gerardo del Pozo Abejón, para seguidamente celebrar unha eucaristía na Catedral Basílica e posterior almorzo-homenaxe no Seminario Diocesano. Cincoenta anos de sacerdocio de Eliseo García Sanmartín que cumpre estando aínda ao fronte de seis parroquias lalinenses.

-¿Cal foi a primeira parroquia á que foi destinado?

-O meu primeiro destino, que foi no ano 1966, foi en Quintós de Cervantes na provincia de Lugo. Posteriormente dende 1968 e ata o ano 72 estiven en Lebozán e Zobra, en Lalín, e logo durante 36 anos estiven en San Xulián do Campo en Lugo. Cheguei alí no ano 72 e permanecín ata o 2008. A esa parroquia fun a sustituir a un irmán meu que veu das misións e morreu moi novo, con pouco máis de corenta anos. Foi unha etapa moi fermosa da miña vida sacerdotal. Foron anos de moito traballo. Posteriormente o señor bispo considerou que era momento de achegarme á terra na que nacín, que foi en Anzo (Lalín), e agora levo as parroquias de Anseán, Barcia, Cristimil, Gresande, Noceda e Vilatuxe. Antes tiña tamén Bendoiro e Prado; parroquias das que se acupa agora Marcos (Torres).

-¿A perda de poboación que tamén afecta ao rural se deixa sentir nos actos litúrxicos?

-A participación eucarística dominical segue sendo positiva. Temos comunidades que son moi participativas como Vilatuxe ou Noceda con presenza de 90 e 70 fieis aproximadamente en cada unha das parroquias.

-¿Algún proxecto importante que se vaia a materializar nalgunha das súas parroquias?

-A piques está de encauzarse un proxecto moi importante na igrexa de Vilatuxe. Trátase de cambiar a totalidade da cuberta do tempo. Xa están todos os permisos otorgados e está previsto iniciar os traballos a mediados do próximo mes de xuño. É unha igrexa na que tamén se fixo unha fermosa restauración do retablo maior que estaba en malas condicións.

-¿Un acto tamén para o reencontro?

-Imos estar dezaséis e lémbrome que nos ordenaramos un total de 31. A algúns tiven a ocasión de velos como a Julio Agra da Compañía de Jesús que está en Santiago, ou a Manuel Rodríguez que é bibliotecario do Seminario. Outros optaron por ser misioneiros... Iremos en procesión ata a catedral nunha xornada verdadeiramente especial.

eliseo garcía sanmartín cura de vilatuxe que cumpre 50 anos de sacerdocio

«Fíxose unha fermosa restauración do retablo maior da igrexa de Vilatuxe»