«Raíñas é unha proposta na que rindo culto á muller»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

Unha vintena de obras integrarán a mostra, a primeira individual en máis de 20 anos, que se poderá ollar en Lalín

03 dic 2014 . Actualizado a las 05:14 h.

A programación cultural do mes de decembro en Lalín, deseñada dende o departamento de cultura do concello, traerá unha nova exposición ao Museo Ramón María Aller: a do artista local Xabier González Arias que foi cartelista da Feira do Cocido no ano 1998 e exerceu como docente en diversos colexios do municipio de Lalín. Pola súa aula de debudo e pintura pasaron alumnos dos colexios Sagrado Corazón, Xesús Golmar e Manuel Rivero. Arias ultima os preparativos dunha mostra que suporá o reencontro deste pintor e escultor dezá co seu público máis próximo despois de anos sen realizar ningunha exposición individual na contorna.

-Leva moitos anos sen amosar os seus traballos en Lalín, ¿canto tempo pasou dende a última exposición individual?

-Moitos. Son vintecatro anos sen amosar a miña obra aquí. Ao longo deses anos participei en mostras colectivas pero de maneira individual xa van alá máis de vinte anos.

-¿Que se agocha detrás de «Raíñas», que é o título desta exposición?

-Raíñas é unha proposta na que levo dous anos traballando e na que rindo culto á muller. É unha proposta, cun novo enfoque no que se refire ao nome, que se basea en dúas cuestións que se chaman «Santa Muller Templo Santo» e «Santa Muller Máter Seno» nos que estiven a profundizar cando tomei parte nos obradoiros de formación, investigación e actualización do Centro Piloto de Formación para as Artes (Cepforart) que impartiu Pilar Taboada. É unha proposta que se sintetiza en forma de versos; que son os seguintes: Coroemos a fermosa raíña/ Veneren o seu puro e divino, seo creador/ Ao sanador e protector/ Ao seo santo, íntimo e acolledor/ Ao sensual e sexual, e a éxtase espiritual/ ¡Fagamos del o templo onde orar!

-¿Unha mostra na que se combina pintura e escultura?

-Haberá obras tanto de pintura coma tamén de esculturas, con tamaños diferentes. Estamos a falar dunha mostra que abrangue algo máis dunha vintena de obras en total que se poderán ollar dende este venres e ata fin de mes, ata o vindeiro 30 de decembro concretamente que é cando está previsto que se peche esta mostra.

-Malia que agora está coas miras postas na inauguración deste venres, ¿hai xa vindeiras citas expositivas?

-É certo que estou centrado na exposición desta semán pero xa teño dúas novas mostras fixadas para comezos do ano 2015. As datas non están pechadas pero si podo decir que son dúas exposicións que se desenvolverán unha no Museo de Pontevedra e a outra está prevista celebrala no Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra. Polo momento non podo salientar moito máis á espera de ter xa as datas concretas das mesmas.

xabier gonzález arias artista