O Padroado Cultural analizou as «diverxencias de criterios» entre músicos e director, que xa quedou afastado da banda
29 oct 2014 . Actualizado a las 05:08 h.A Banda de Lalín pasa por momentos de cambios. Variacións importantes no organigrama de funcionamento da formación bandística que foron obxecto de analise por parte dos membros do Padroado Cultural, que mantiveron un encontro o pasado luns. Sobre a mesa, e como argumento principal do encontro, estaban as «diverxencias de criterios» entre os músicos da banda lalinense e o director Bram Sniekers; pareceres encontrados á hora de deseñar e planificar o traballo da formación que levaron á dirección da banda e aos propios músicos a pedir que o director holandés deixase de dirixir a agrupación. Cuestión que xa se fixo efectiva e na actualidade xa é o vicepresidente da banda lalinense, José Luis Taboada «Cheíto», quen se está facendo cargo dos ensaios.
Á banda prantéxaselle agora á búsqueda dun novo director; cuestión que afrontan con total tranquilidade e sen presas. Non estar parados, sacar proxectos adiante e preparar as vindeiras citas musicais é a máxima duns músicos que continúan entregándose ao traballo cotiá. Pola súa banda Bram Sniekers, que chegou a Lalín no ano 2007, continuará na capital dezá impartindo clases no conservatorio, tal e como reza o seu contrato de profesor que manten co Padroado Cultural. Representantes do mesmo subliñaron que rematou un ciclo musical e profesional no que, baixo a batuta de Sniekers, a banda gravou cinco cedés pero que se apertura unha nova etapa como sucedeu no seu momento co seu antecesor; o tamén holandés, Marcel Van Bree. No desexo da formación de sacar adiante novos proxectos e actuacións xa está preparando os concertos de Santa Cecilia e de Fin de Ano para os que contarán con directores convidados. O primeiro deles, o de Santa Cecilia que se celebrará o 29 de novembro, será o director da Banda Municipal de Santiago Juan Miguel Romero o encargado de dirixir a agrupación lalinense e o 27 de decembro, no concerto de Fin de Ano, se barallan aínda un par de opcións posibles.
Por outra banda, e de xeito oficial, o músico lalinense Alejandro Piñeiro acaba de asumir tamén a presidencia da banda despois de que o presidente Adrián Coego decidise renunciar ao cargo por motivos persoais. Alejandro Piñeiro xa formaba parte da xunta directiva da Banda de Lalín onde ostentaba a vicepresidencia e, á par, ven dirixindo dende o pasado exercicio o Coro Luís Areán que aglutina a cativos do municipio e á Coral Polifónica de Agolada.