«Distribuímos sete mil plantas de crisantemos pola comunidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Dispón no invernadoiro de quince cores diferentes deste tipo de matas

26 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O fallo no suministro de hortalizas, pinos e eucaliptos destinados á plantación levaron a María Jesús Vilanova Torres (Sabrexo, Vila de Cruces) e ao seu home José Manuel a pensar en dispoñer dun viveiro propio que puidese abastecer a demanda que se xeraba no seu comercio, sito na rúa D de Lalín.

-A persoa coa que traballabamos deixou de suministrarnos as plantas e aí foi cando pensamos en montar un viveiro. Terreo tiñamos dabondo para elo e no ano 1999 construimos o primeiro viveiro. O negocio que mantemos en Lalín está aberto ao público dende antes, dende o 1991.

-Comezaron cultivando hortalizas e foresta, ¿en que momento introducen a flor?

-Cando vemos que se xenera unha demanda. En inverno, nos meses de xaneiro e febreiro, centramos o traballo no cultivo de violas, pensamentos e prímulas fundamentalmente; ao chegarmos á primavera chegan as petunias e as sulfinias entre outras variedades, e agora mesmo estamos coas plantas para Defundos; os coñecidos crisantemos.

-Crisantemos que locen en todo o seu esplendor e copan actualmente todas as demandas pero detrás, ¿cantos meses de traballo?

-Moitos. Os crisantemos están agora mesmo á venda pero para elo xa se plantaron en marzo/abril. Posteriormente en xuño, e ata agosto, pasámolos a maceta segundo as variedades para poder sacalos para á venda, como estamos facendo agora. Son moitos meses de traballo para conseguir plantas de gran calidade. Pensa que dende o mes de marzo está a planta na casa. Nós temos unha planta nai da que sacamos un gallo e facemos un plantel; logo ten que enraízar, hai que regalas todas sen esquecerte de ningunha e continúas traballando nelas ata que chega o mes de outubro en que se porán á venda.

-Se temos en conta traballo/prezo de venda ao público, ¿considera que se vende barata?

-É moi barata. Basta pensar nos meses que lle adicas ata que a podes vender e o desembolso económico que supoñen os fitisanitarios contra o pulgón e o piollo que hai que aplicarlles. Penso que é unha planta asequible.

-¿De que prezo estamos a falar?

-Nós, vendémolas ao público entre os 3 e os 12 euros dependendo da variedade e tamén do tamaño da planta, claro. Unha venda que facemos tanto no negocio coma nas instalacións do propio viveiro que está en Galegos (Lalín).

-¿Variedades e coloridos para todos os gustos?

-Nós, no viveiro contamos con crisantemos de quince cores diferentes e as variedades son infinitas. Penso que hai para todos os gustos.

-¿Cantas plantas de crisantemos saen do seu viveiro nesta época?

-Por mor da festividade de Santos e Defuntos saen unhas sete mil plantas de crisantemos con destino a negocios de distintos puntos da comunidade autónoma. Actualmente as plantas cultivadas no noso viveiro están presentes en establecementos comerciais, almacéns e florarías das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. É unha planta que adoita venderse agora en moitos sitios. Claro que nós tamén as vendemos.

-En tenda, ¿e tamén no propio invernadoiro?

-En ambos os dous sitios. Da tenda que temos en Lalín poden saír unhas mil plantas e a cifra no viveiro é superior, pode situarse nas mil cincocentas aproximadamente. Mesmo temos provedores que veñen ao invernadoiro a mercar directamente.

maría jesús vilanova torres co propietaria de viveiros agra

«É barata se temos en conta as horas

e os distintos tratamentos que hai que aplicarlle»

«Destínanse a establecementos comerciais, almacéns e florarías»