A redución de prazas, os cambios nas condicións de traballo, baixadas salariais e a merma de dereitos son, a xuizo de Bernardina Porral, os principais conflitos aos que se enfronta o traballador. De condicións laborais falaron esta mesma semán no Concello de Silleda. Unha reunión, mantida nas dependencias municipais, na que se abordou o futuro das traballadoras que prestan o Servizo de Atención a Domicilio ao estar a traballar o concello na posta en marcha dunha externalización de dito servizo.
-Foi a sección sindical da CIG a que estivemos co alcalde Manuel Cuiña. Un encontro que se materializou a instancia nosa, xa que así nolo viñan pedindo as traballadoras deste servizo, co gallo de saber como quedarán estas traballadoras que ten o concello no SAF (Servizo de Atención a Domicilio). Son cinco en total, das que tres son fixas e dúas temporais, e serán ás que vaian a pasar á empresa privada. As traballadoras serán subrogadas á empresa coas mesmas condicións e se lles gardará a súa antiguidade. É o máis normal ao producirse unha externalización do servizo. Penso que é o mellor que lle pode pasar a todas estas traballadoras.
-A cotío se mencionan os recortes en servizos, ¿onde se produciron os máis importantes?
-Recortes ou houbo en absolutamente todo. Nas residencias da Xunta, por exemplo, se notaron moitísimo os recortes. Nos últimos anos se perdendo traballadores máis que servizos. Non se crean prazas novas, non se sustitúen aos traballadores que se van de vacacións e non se cubren tampouco as xubilacións xa que a lei o impide. Pode considerarse paradóxico o feito de que se poidan cubrir outras determinadas prazas como son as de Policía Nacional, Garda Civil, Policía Local e Exército e no resto non se poida facer. Para que vos poidades facer unha idea deses recortes dos que falabamos nós no noso edificio administrativo de Campolongo eramos novecentos traballadores tres anos atrás. Na actualidade só somos seiscentos. Isto é só un pequeniño exemplo do que supuxeron os recortes nos distintos sectores e na administración nestes últimos anos. Situación que penso que non vai mudar de cara aos vindeiros meses.