Arrancou a primeira quenda do campamento urbán de Lalín cun claro enfoque deportivo e no que tamén haberá xogos
17 jul 2014 . Actualizado a las 08:05 h.Son corenta cativos. Teñen entre 5 e 9 anos e, dende onte, toman parte na primeira quenda do Campamento Urbán que puxo en marcha un verán máis o Concello de Lalín. Ao fronte do mesmo está Patricia Martínez, xerente da empresa Eduvía, quen xunto a varias monitoras se farán cargo do divertimento pero tamén da aprendizaxe dos cativos en determinadas cuestións. Despois da presentación habitual entre os participantes, «xa que uns están nun cole e outros noutro; uns son dunha aldea, outros doutro ou do casco urbán, se falou das normas que rixen no campamento xa que como en todos os sitios aquí tamén existen unhas normas que hai que cumprir. O máis importante é o respeto entre compañeiros e iso é o que lles explicamos aos rapaces», comenta a directora Patricia Martínez. Un inicio de campamento, que tivo o seu pistoletazo de saída ás catro da tarde nas dependencias da Casa da Xuventude, que nesta edición terá un enfoque moi deportivo. Os participantes terán a oportunidade de achegarse aos distintos deportes que se veñen practicando na vila; dende o balonmán pasando polo atletismo, a danza ou o tiro con arco. «É unha vila na que hai moito onde escoller e na que os clubes se volcaron moito con nós á hora de colaborar na ensinanza dos deportes que se practican. A idea é que os nenos coñezan as opcións deportivas que existen, que escollan o que máis lles guste e que acaben practicando algunha modalidade. Cada vez hai máis obesidade infantil e unha maneira de tratala é a través do deporte. Iso foi o que nos levou a enfocar o campamento dende un punto de vista eminentemente deportivo. O que non están previstas son saídas fóra da vila. As actividades desenvolveranse todas aquí».
Unha quenda que non se suscribirá só respecto do eido deportivo. Haberá moito máis. Merendas sanas, como todos os anos, e orientación pola vila. «Bocata e froita para merendar, coma sempre, e logo tamén iremos a coñecer sitios interesantes de Lalín, estaremos con deportistas da vila, os rapaces interactuarán coa xente do pobo, haberá divertimento, xogos e pasarémolo ben que é o que se busca con este tipo de actividades». Ata finais de mes durará esta primeira quenda do campamento urbán que, segundo a súa directora, tiña máis solicitudes que prazas. «É unha quenda, esta primeira, moi solicitada pero afortunadamente como hai máis opcións respecto deste campamento moitos cativos quedaron para o seguinte prazo».