Vintecinco postos ubicaranse debaixo da carpa instalada na Praza da Igrexa, onde actuará a Carballeira de Cercio
19 dic 2013 . Actualizado a las 07:01 h.Lalín acollerá este sábado a primeira Feira de Nadal para a que confirmaron a súa asistencia un total de vintecinco expositores. Unha feira na que se poderá mercar un amplo abano de produtos de alimentación e artesanía. «Contaremos con bastantes produtores que xa son dos habituais das feiras sabatinas que vimos celebrando, pero tamén haberá novidades», anuncia a concelleira de Comercio lalinense María José Batán. Entre as novidades figura a participación da Asociación Aspadeza que aproveitará a cita feiral para poñer á venda manualidades elaboradas polos usuarios no centro de Mouriscade e calendarios benéficos cuxas fotografías protagonizan os propios usuarios das instalacións.
Por outra banda tamén se amplía a presenza de artesáns na feira do próximo día 21. «Non estarán só os artesáns da zona senón que contaremos tamén con outros chegados dende Lugo, Muros e Ourense. A xente poderá mercar cerámica, alfarería, cestos e obxetos propios destas datas que non atopamos habitualmente». Produtores e expositores teñen previsto levar a cabo unha degustación dos seus produtos, tal como xa veñen facendo ao longo das feiras sabatinas. «Ás degustacións hai que engadirlle tamén un convite a chocolate a través de vales no mesmo posto dos churros e haberá ambientación musical a cargo da agrupación de A Carballeira de Cercio; con baile e música tradicional».
A Feira de Nadal será de mañán, segundo confirma a concelleira, «xa que a experiencia nos ven a decir que son produtos que se moven pola mañán. As berzas, bacallau, mel, pan ou as rosquillas véndense ao longo da mañán, e por iso a previsión é manter a feira ata as dúas aproximadamente. Pensamos que son horas suficientes para que a xente veña a probar os excelentes produtos que estarán nesta cita feiral e a mercalos; e ao mesmo tempo poderán disfrutar da música e do baile». O contar cunha carpa para o evento garante comodidade para todos os visitantes, salienta María José Batán, quen engade que «nos aporta tranquilidade xa que estamos en meses en que a choiva é moi previsible e non poderiamos facer unha feira ao aire libre e tampouco virían moitos expositores».