«Ofrecémoslle uns servizos integrais ás compañías teatrais»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

A cooperativa, con sede na Coruña, xestiona o funcionamento de 11 grupos

08 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Urdime, Propostas Culturais para a Infancia e a Xuventude, é unha cooperativa galega que botou a andar fai algo máis dun ano. Ao fronte da mesma está o lalinense Xaime López; «somos moi de facer as cousas de xeito asembleario e alguén tiña que figurar como presidente. Estou eu pero podía estar outro compañeiro», apostilla. Un proxecto que se promocionou recentemente en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que se desenvolveu No Pazo da Cultura de Pontevedra.

-¿Que se agocha detrás de Urdime?

-Unha cooperativa que ofrece servizos integrais ás compañías teatrais. Fixemos unha analise respecto do momento crítico que vive a distribución, sobre todo no eido das artes escénicas onde existe unha baixa contratación de teatro e as redes institucionais deixan de funcionar, polo que as compañías se vían obrigadas a facer recortes nas súas plantillas. Vimos que había que reconstruir. Fixemos un estudo do funcionamento das distribuidoras e atopamos moitas eivas polo que constatamos que había que reformular moitas cousas. Aí naceu Urdime, que ven de fíos, de enfiar no tear, e construimos un proxecto de fiar compañías teatrais que estaban nun momento malo e ofrecerlles servizos integrais. Menos a parte actoral, ofrecémoslle todo: xestión administrativa, comunicación diaria, redes sociais, distribución e área de acción cultural.

-¿Con cantas compañías están a traballar?

-Pensamos en alcanzar as dez compañías. Comezamos con catro, de seguido pasamos ás seis e agora temos once. Cifra coa que pechamos a billa xa que non é doado xestionar máis. Son todas compañías profesionais e coñecidas as que están dentro da nosa cooperativa.

-Un ano de funcionamento, ¿cal é o balance?

-Non nos vai mal. Non é momento de botar cohetes de cores pero xa fixemos un ano e sobrevivimos. O ano que ven debería de ser mellor. A valoración é moi positiva. As compañías que están con nós viron un aumento no seu número de actuacións e un aumento respecto da xestión da súa formación.

-¿Levan as propostas aos concellos galegos?

-Aos concellos galegos, aos 315. Tamén a concellos espallados pola xeografía española e tamén ao país veciño, a Portugal. Estamos internacionalizados. Pensemos que o 99 % da cultura que se move no país é dende o ámbito institucional polo que se fai preciso traballar cos concellos, con todos sen excepcións de ningún tipo.

-¿Un mes de decembro que se aventura en positivo?

-O mellor mes para as compañías é maio, pola celebración das Letras Galegas, pero o segundo en importancia é decembro e temos pechadas máis de cen actuacións para as vindeiras semáns. Certo é que se programa tarde, mal e arrastro xa que os presupostos están prácticamente esgotados e cando te chaman para unha determinada actuación é para onte, pero o importante é que se reciba esa chamada e que vaian saíndo as cousas.

xaime lópez presidente de urdime