jesús Pérez Caramés, 37 anos, propietario do grupo de empresas Parque 7 e ten máis de 30 anos como membro da Sociedade de Caza e Pesca de Silleda. Prefire a caza menor pero acaba de obter a peza de máis calidade do colectivo. Gañou as eleccións á presidencia.
-A xunta electoral foi contundente ¿esperaba o desenlace?
-Podían admitir ou non, pero hai moitísimo fundamento para que non prosperara a impugnación e sabiamente decidiron respetar o acordo da maioría social.
-¿Cabe algún recurso?
-Como en todo procedemento administrativo e electoral pode caber. Nestas circunstancias creo que non tería sentido ningún tipo de recurso.
-Antelación, base social e programa. A súa candidatura mostrouse como profesional e buscando cambio...
-Non xurdiu de repente, é moi estudada, eramos moi coñecedores da situación real da sociedade e sabiamos que corría o risco de desaparecer se non se cambiaba pronto o tipo de xestión. Plantexámolo moi en serio.
-Liquidou a «era» Toxa e ao final da campaña foi moi crítico...
-Foi a quen primeiro lle expliquei a miña decisión e díxome que a súa era de deixalo, que lle parecía ben que houbera continuidade. Para diante eu mantiven postura e el cambiouna e con contradicións. Ao final mostrei a miña crítica ata clarexar comentarios que causaban confusión nos socios e obrigoume a clarexar detalles.
-Toxa cuestionou o proceso ata o último minuto ¿Tivo dúbidas?
-Nunca pensas o que disporán os demais. Si que mantivemos postura e se impugnaba continuaría ata o final e se non enfrontaríame ao proxecto de calquera candidato. Non me sorprendeu, a súa estratexia non era buscar legalidade de estatutos senón interese persoal económico, como se ten explicado.
-¿Ten medo a efectos colaterais como unha ruptura social?
-Para nada. Desde mañá mesmo que me poña o fronte da sociedade reunireime primeiro cos cazadores de xabaril que propician unha candidatura alternativa pensando que eu ía cambiar normas que teñen. Todo o contrario, quero integrar a quen teña confusión, escoitar a todos e entusiasmar a todo o mundo coa nova etapa.
-¿A subida de cotas permitirá sanear a sociedade?
-A subida é boa medida, e asumirá algo, unha pequena parte. Hai que tomar outras máis drásticas, recortar gasto innecesario, reducir xornada de traballo á persoa contratada e captar fontes de novos ingresos como o coto intensivo de caza.
-¿Pasos inmediatos?
-A nivel administrativo, tras coñecer a situación real e coas cotas cobradas, o primeiro será pagar todas as débedas da sociedade e digo todas (incluída a do ex presidente) ata que non se deba nada. A nivel deportivo, reunión con cazadores e pescadores, escoitar as súas propostas e buscar consensos, buscar o visto bo do todo o mundo. A máis longo prazo, escola de pesca permanente e actividades no campo de tiro, rentabilizándoo.
-¿Qué cambio vai ver o socio?
-O gran cambio que vai notar é a transparencia na xestión, no cinexético, na pesca, no igual trato e que aquí ninguén vai poder cazar nin pescar se non ten recibo de cota social ao día.
-¿Xabaril e gandeiros?
-O xabaril ilusiona a moitos como deporte pero causa moitos destrozos. Neste problema ten que entrar a Administración. As sociedades non damos feito cos medios que temos e coas normas, non damos parado o problema. E, tamén sufrimos as consecuencias, acarréanos moitos gastos por danos en época de caza e no resto do ano.