A formación estará arroupada polos artistas dezaos Celso Fernández, Begoña Lorenzo, Paku Granxa e Hadhietxekos
29 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.En marzo do pasado ano comezou a andaina da Coral Polifónica de Lalín que, baixo a dirección do polifacético músico Benxamín Otero, fará a súa presentación en sociedade este domingo ás 19 horas no auditorio.
-A catro días para a gala, ¿como están os ánimos?
-Ben, con nervios, ilusión e ultimando algún fleco. A verdade é que había unhas expectativas e unha demanda real pero non sabías como ía resultar este proxecto. Para min era a primeira vez que me facía cargo da dirección dunha coral e teño que recoñecer que foi todo moito mellor do que esperaba. Está a ser xenial. Ao principio había o desequilibrio entre mulleres e homes pero flúe todo tan ben, compórtanse tan ben, asisten aos ensaios con tanta asiduidade, están dispostos a mellorar... É unha marabilla.
-Centrámonos na gala, ¿cantas obras van a interpretar?
-Oito pezas cunha ampla variedade de xéneros e estilos. Música galega, habaneras, zarzuelas... A gala será completa, dinámica e con amigos. Sempre tes a sorte de contar con grandes amigos que están aí e que tamén formarán parte desta gala como é Celso Fernández, Paku Granxa que é actriz e que exercerá tamén coma presentadora, estarán os Hadhietxekos; que non poden faltar nas citas lúdicas da vila, e unha marabillosa cantante de Rodeiro como é Begoña Lorenzo, con quen compartín algúns outros proxectos, e que cantará unha canción moi especial para min.
-Corren malos tempos para a cultura que sofre importantes recortes...
-Detesto cando din os políticos que os artistas traballamos mellor ante situacións coma esta. Non podemos esperar. A cultura non para e continúa tirando para adiante. A coral ten ganas de facer un proxecto real e non será a mellor coral do mundo pero para nós é a mellor. É unha coral para Lalín e de Lalín e despois da posta de largo do domingo comezaremos a buscar concertos e intercambios. Corais en Galicia non faltan e de seguro que teremos actuacións xa para o verán.
-¿A posibilidade de crear un coro de nenos continúa latexando?
-O proxecto está aí, na axenda. Estamos vendo a maneira de arrancalo. Queremos que sexa algo sólido e non un foguete dun día que desapareza. Precisamos canteira para a coral; xa cun problema endémico de moitas corais é a idade dos coralistas, e non é o caso da de Lalín que conta con xente de 17 e 18 anos pero hai que pensar no futuro. A ver se para o vindeiro curso se pode intentar a súa posta en marcha.
-¿Cantos ensaios quedan?
-Hoxe e o ensaio xeral cos músicos na fin de semán.
benxamín otero director da coral polifónica de lalín