Adiós en Lalín ao Tío Xanete

Rocío Perez Ramos
RocÍo Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Obituario Daniel González González

Daniel González González finou aos 89 anos en Lalín, foise a modiño pero deixou un legado que perdurará sempre. Na lembraza e no corazón de xereracións de lalinenses queda a súa retranca, o seu humor a a súa vitalidade incombustible da que os seus amigos falan e non paran. Foise o Tío Xanete, un home bó, xeneroso, onde os haxa e un traballador nato.

Son días de loito para Lalín e para a súa comarca que sempre o lembrará con agarimo. O crego, Xesús Mato, compañeiro de fatigas en moitas aventuras como apunta él, lembraba onte un sinfín de vivencias. Un desfile de modelos en Lalín que Daniel González grabou coa súa cámara de cine para recadar fondos para as vivendas dos pobres e _apuntaba Mato_ «grabounas desfilando coa súa cámara de superoito e logo pasamos a película cobrando no cine Balado para recoller máis cartos». Ou «un festival co que recorremos a zona inaugurando a orquesta Caracas e no que ía co Tío Xanete».

A súa paixón pola cultura, a etnografía e a arte reflectiuse en multitude de documentos, na grabación do folklore da zona, na recollida da historia e dos monumentos da zona. Da súa mán naceu en 1976 o grupo Deza Cinema Popular Galego formado por Daniel González González e os seus fillos. A Axencia Audiovisual Galega recuperou fai anos as películas promovidas polo grupo. En total unhos vinte títulos que conqueriron varios premios e que retrataban a comarca.

As cousas e contos do Tío Xanete naceron na emisora parroquial de La Voz del Deza que dirixiu Xesús Mato. Máis tarde Daniel González colaborou en Radio Noroeste e logo con Radio Voz. Daniel González foi nomeado Comendador no ano 2000, na primeira edición desta Orde, por ser _en verbas do alcalde de Lalín «un asiduo colaborador da Feira, e en recoñocemento ao seu impagable traballo, sempre desinteresado».

Entre os anos 1992 e 2002 exerceu de comentador do desfile de carrozas e comarcas da Feira do Cocido, unha laboura, que como suliñaba onte o rexidor, «fixo dun xeito altruísta».

No 2009 foi nomeado Lalinense do Ano e o 9 de xullo do 2011 a Forxa Literaria de Piloño tributoulle unha homenaxe.

Ao longo de todo o día de onte a súa familia recibía aos vecinos da zona que acudiron a mostrar o seu pesar polo pasamento de Daniel González González. O funeral terá lugar hoxe, as 16.30 horas na igrexa parroquial de Filgueira onde terá lugar a súa posterior inhumación no cemiterio.