Pasaron tres anos dende a súa última individual en Vigo, e agora volta a Compostela con novas propostas creativas
13 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Precisou de varios anos para investigar, tantear, pintar e seleccionar as mellores obras. Obras do artista lalinense Nicolás González que se poderán ollar a partires do 20 de decembro, e ata o 31 de xaneiro, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título de «O unicornio e o seu mundo».
-A súa última exposición individual foi en Vigo. Pasaron tres anos e medio, ¿tempo que empregou en crear?
-Gústame, dende sempre, investigar e rebuscar novas técnicas. As obras que levarei a Santiago son o froito dunha nova etapa de investigación.
-¿É unha etapa máis abstracta e menos colorista?
-Son persoa de ir rompendo etapas. Non é a primeira vez que se van poder ver traballos abstractos meus e mesmo o busco cada vez máis. A seguinte mostra, na que xa estou traballando, será máis abstracta que esta. O seguinte será un abstracto máis puro. É certo que falamos agora dunha etapa pouco colorista; non ten nada que ver coa miña estancia en África e cos cadros cheos de luz e de cor. De todo aquelo algo queda, pero pouco.
-¿É un óptimo momento para tanta creatividade e para continuar expoñendo?
-É momento para deixar voar a imaxinación, crear e arriscar. Estamos ante unha nova Idade Media en que imos voltar aos servos e aos señores feudales. Temos que romper co que nos levou a esta situación, non queda outra máis ca escapar da mediocridade. Estou convencido de que a imaxinación e a cultura nos axudarán a saír de todo isto. É ben certo que nos atopamos a cotío con situacións moi complexas e difíciles de solucionar, pero non é menos certo que existe unha forte presión psicolóxica impulsada polos medios de comunicación e polo poder establecido que persigue os seus intereses que nos deixa con moi mal sabor de boca e cunha profunda sensación de afundimento. Aos xóvenes artistas recoméndolles que continúen creando, que flúa a súa creatividade e que non se amilanen.
-¿Canto tempo levaba sin colgar en Compostela?
-Penso que máis de dez anos malia que non son persoa de levar un perfecto control de datas expositivas e currículos; iso é para técnicos e militares. Naquela exposición as obras levaban tonos ocres, e de pedra. Nesta ocasión, e froito de todos eses meses que adiquei á investigación de novas técnicas como decía ao comezo, se poderá apreciar o uso de poliéster en algúns cadros, por exemplo.
nicolás gonzález artista