«Estamos nunha posición xenial»

l.g.c. lalín / la voz

DEZA

o trunfo en Bergantiños permitiu que o Lalín saíse por segunda vez do pozo e que afronte as últimas xornadas con plenas opcións de salvación. O equipo semella estar atravesando o seu mellor momento. «Estamos nunha posición xenial, case idílica se temos en conta que vimos de ser últimos» afirma Javier Oreiro. O adestrador recoñece que «chegar así a falta de seis xornadas era algo case impensable, pero agora temos que finalizar este proxecto».

-O Lalín chegará ao derbi no seu mellor momento da tempada. ¿As dinámicas contan en partidos coma este?

-Son importantes, pero este é un partido distinto porque é un encontro de rivalidade entre dous equipos que están igualados. O Estradense tampouco ten unha dinámica mala, ultimamente estanlle custando máis as saídas, pero é un bo equipo. Nós neste momento sentímonos poderosos mentalmente, pero temos que ter moi presente que en calquera momento, e ante calquera rival, podemos perder e cortarse a xeira.

-¿Como enfían a semana?

-O fundamental é que os xogadores estén tranquilos. Temos marxe de erro, incluso fallando os partidos que quedan ata as últimas dúas xornadas. Queremos chegar fortes, dar o mellor de nós e sumar os puntos canto antes, pero sen excesiva presión.

-¿Mellorará o parte da plantilla?

-Recuperamos a Diego Otero e a Iván González, e imos seguir contando con xuvenís. Ante o Bergantiños fixeron moi bos partidos, adestran comigo e sei como traballan toda a semana. Vou seguir cotando con eles. A nivel de equipo a xente está respondendo realmente ben, hai moitísima implicación. Adestraremos martes, mércores, xoves e sábado, e o único problema é que teremos o campo ocupado.