Aos seus 72 anos, Ermitas Boños Yáñez, da localidade valdeorresa de As Ermitas, no municipio ourensán de O Bolo, seguía esta semán traballando con normalidade no bar Taxi de A Rúa. Como outro día máis dos seus xa 45 anos entre fogóns preparando as comidas, e entre mesas, para despois servilas. Só que non son días calquera, xa que luce fachenda despois de saberse gañadora do premio a toda unha vida na cociña, no seu caso pola provincia de Ourense, que o Concello de Lalín outorga no marco dos Premios de Gastronomía de Galicia. A entrega dos galardóns terá lugar o próximo día 10 de febreiro, no Luar do Cocido que emite a Televisión de Galicia.
-Despois de tanto tempo non será o primeiro que recibe...
-O primeiro, e gracias. Será ben merecido, ¿non? Dixéronme que mo daban polo ben que se come aquí, e é certo, porque aquí no bar Taxi é todo comida caseira.
-¿Ilusionada, pois?
-Claro que me fai ilusión. É un recoñecemento ao traballo, a un traballo moi duro.
-Xa pode retirarse...
-Podo cando queira, pero dáme pena facelo, porque me gusta o traballo. E mentres teña saúde, penso seguir aquí nos fogóns.
-É un recoñecemento á súa labor na cociña, pois tamén se encarga dos fogóns, ademais de servir...
-¿E quen senón? Cociño eu, toda a vida. Estou toda a mañá, desde as dez, preparando o que vamos servir ao mediodía aos clientes.
-¿E que buscan os clientes no seu local?
-Sobre todo comida caseira, é o que pregunta todo o mundo. A xente non quere cousas raras, vén aquí buscando callos, chipiróns, carne mechada, coello con champiñóns... E o consomé, que é tipico do bar Taxi, o caldiño.