Oprofesor Jean- François Revel abría un dos seus libros cunha frase categórica: «A principal forza que move o mundo é a mentira». Dante, que escribiu moitos anos antes que Revel, aseguraba que quen move o mundo en realidade é o amor. Non foi o único. A maioría dos namorados da terra pensan nalgún momento da súa vida que só el, el, simplemente, el, o amor, move o sol e todos os astros. Pero amamos mal. Creo que Europa ama mal dende a segunda gran tráxica guerra, por non acudir a outras guerras menos cruentas. Instalámonos descortesmente no odio, así, sen que el teña nada que ver con nós, humanos, tan humanos. Detesto o odio, rancor, soberbia. Detesto todas as curvas que non teñen un perdón entre os labios. Europa non sabe perdoar, por tal motivo vive presa aínda de coléricos pasados. Explícome: despois do último Reich foron os Balcáns, e aí quedamos, tristísimos, pese a tanto. A educación para a cidadanía, da que tanto se debateu en España, non nos aprende a amar. Na Constitución europea, esa quimera, non hai preámbulo, capítulo ou título que prescriba o amor como forza motriz, seguindo a Dante. Racismo, intolerancia, marxinación son palabras comúns dos nosos días. Os cínicos e hipócritas abundan (na cultura, especialmente). A decepción conquistou á humanidade: por iso se refuxia no onanismo da Internet. É a mentira quen reina. A esquerda «correctísima» reprende todo tipo de afectismo: substituíron o amor polo sexo. E a dereita, acomplexada, quere ser como a esquerda e non fala de amor nos mitins. A mentira domina o mundo. Non te derrotes: o amor vencerá á mentira. A 19 de xaneiro, prometo.