Urdangarín e a Cabalgata de Lalín

Francisco Xavier Vilariño Taboada

DEZA

20 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando nos últimos días souben da novidosa proposta do goberno local de trasladar o final da cabalgata de reis para o Lalín Arena, pensei que unha decisión de tal calibre, só podía respostar a un interés de Estado, que non sería outro, que ante a que lle está caendo aos reis co caso Urdangarín, desde protocolo de Casa Real esixiran ter que finalizar o seu percorrido nun lugar afastado do pobo, e polo tanto, dos seus plebeios habitantes. A estratexia era evidente, afastar o máximo posible as súas maxestades, para que así, xa que por tradición dito paseo real non se pode suspender, agás por causas de forza maior como aconteceu o ano pasado, asistira o mínimo número de xente posible, reducindo así as posibilidades potenciais de que non fora cuestionada e moitos menos aldraxada dita realeza. E sendo ben pensado quédome con esta reflexión; xa o sei!!, non é nin rigorosa nin moito menos coherente, seino!!, mais a outra posibilidade é moito máis preocupante e negativa para os veciños de Lalín. E digo isto, porque implica que este goberno, no peor momento económico, desterre do casco urbano o final da cabalgata. A miña preocupación é evidente que se cimenta no impacto económico que dito evento ten para un sector tan importante para a nosa vila como é o comercio e incluso tamén para a hostalería. Supoño que diante desta situación de profunda crise económica na que nos atopamos, que moi especialmente está sacudindo ao sector comercio, a actuación que se agarda faga a institución municipal, non pode ser cambiar o escenario final para un lugar físico afastado do enclave comercial, que na práctica baleira as nosas rúas de potenciais clientes, nunha data tan marcada polo consumo, e que se me antolla como unhas das poucas esperanzas que os nosos comerciantes teñen, xa non, para salvar o ano, que non vai ser posible, senón para tentar que o balance económico sexa o menos malo posible. Sempre defendín que este sector ten que contar cunha especial atención por parte de quen nos goberne, xa non só pola súa importancia á hora de xerar riqueza e postos de traballo, senón tamén polo modelo de vila que implica fronte ás grandes áreas comercias, estas últimas, beneficiadas descaradamente por este goberno. Penso que si sería urxente desenvolver, para os próximos catro anos, un plano para o impulso do comercio local, que incluira, entre outras medidas, incentivos fiscais, remodelación de rúas, programas formativos,etc. É por todo isto, que entendo que este goberno municipal aínda está a tempo de non cometer un grave erro, que unha cousa é ter un plan B ?por si o tempo obriga? e outra ben distinta adoptar medidas lesivas contra os nosos comerciantes, en fin, si ao final non cambia de posición prefiro pensar que a culpa é de Urdangarín.