Lalín acubilla a Balbino na rúa que lle adica á novela da súa vida

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

DEZA

Neira Vilas descubriu a estatua e placa como colofón á súa homenaxe

17 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Neira Vilas tiña dito que a homenaxe que lle rendeu Lalín no colofón ao cincuentenario de Memorias dun neno labrego tiña para el un significado especial. Reiterouno onte, no peche a cinco días de conferencias, visitas a colexios, representacións teatrais e inauguración dunha rúa no centro da localidade, que acubilla no seu entronque coa praza da Marina a figura de Balbino. O escritor de Gres enmarcou a adicatoria da antiga rúa E á súa novela máis lida no importante momento que vive a literatura galega, suliñando que «non hai ningunha literatura que celebre o seu Día das Letras como Galicia», coa declaración da xornada como festiva, adicando estudos universitarios a quen se homenaxea nesa xornada e traballos nos distintos niveis educativos. Neira agradeceu en Lalín todas as homenaxes recibidas, que derivou a Balbino, ao sinalar que a súa figura é máis importante ca do autor que lle deu vida.

O alcalde, José Crespo, tivo palabras de agradecemento para a implicación de Neira «a quen se pode considerar fillo adoptivo de Lalín», e para Xunta e Deputación por financiar os actos organizados polo Concello, recoñecendo descoordinación coa Escola de Canteiros que impediu a presenza na capital dezá do autor da escultura de Balbino, Francisco Castro, e do seu profesor Enrique Velasco.

Retraso do conselleiro

A forte choiva fixo que os discursos se pronunciaran no colexio Xesús Golmar: escolares de Infantil e de Primaria amosaron a súa excelente educación, agardando con tranquilidade a media hora de retraso con que comezou o acto. Foi o tempo que agardou Crespo ante o retraso do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que entrou discretamente ao acto ás 12.36 horas. Disculpouse con humor: «Nos perdemos nesta inmensa cidade que é Lalín, pensei que estaba en Nova Iorque: primeiro estabamos na rúa E, logo na rúa 8».

Varela dixo que a Balbino custaríalle recoñecer a Galicia de hoxe, pola súa profunda transformación en medio século, e indicou que Memorias dun neno labrego «non envellece, nin deixa de ensinar a ler en galego a novos lectores». Na súa coidada intervención, Roberto Varela indicou que a historia de Balbino, a quen se refireu como «o noso particular Oliver Twist», «posúe unha forza especial capaz de engaiolar a xeracións de galegos moi diferentes, porque os sentimentos, as dúbidas e as inquedanzas que se narran nela son universais e atemporais».

Ausencia de Louzán

O de onte foi un acto de moitas presenzas políticas, pero tamén dalgunha ausencia notable. Fronte ao anunciado ?o seu nome mesmo figura na nota de prensa da Consellería de Cultura? o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, non acudiu ao acto inaugural da rúa Memorias dun neno labrego e da estatúa de Balbino feita na Escola de Canteiros que impulsa o organismo que preside. Si estaban catro dos alcaldes de Deza aos que pideu «solidariedade co Irixo» no tema da incineradora: do quinteto popular, só faltaba Adolfo Campos. Estaban tamén os directores xerais Antonio Crespo e Francisco López, e boa parte da corporación municipal, con representación das catro formacións políticas que respaldaran por unanimidade o nome da rúa.

«Foi unha semana maravillosa. Eu non sei se merezo tanto, pero derivo a Balbino as homenaxes»

Xosé Neira Vilas

«Balbino está en cada un de nós porque Neira Vilas derramou nel parte da nosa esencia»

Roberto Varela

«Dámoslle o nome da novela a unha rúa onde hai moitos nenos ao estar aquí o colexio Golmar»

José Crespo