Como traballador infatigable e un apaixonado do fútbol. Así se podería definir a Manuel Anxo Cortizo. Os seus «oitenta e catro anos e medio» son testemuña viva do avance da capital do Deza, e tamén do Club Deportivo Lalín, entidade que presidiu en dúas etapas, 1978-1983, e 1987-1991, e do que é fiel seguidor cada domingo.
-A vindeira semana recibirá o galardón a Toda unha vida. ¿Como o valora?
-Pois moi agradecido, pero con certa preocupación, porque hai moita xente coma min que desempeña a súa labor igual ou mellor. Son só un cidadán máis de Lalín, aínda que os de Lalín somos moi amantes do noso pobo e temos moitas expectativas depositadas nel, en que teña un futuro brillante.
-Poderíase dicir que a súa vida se dividiu na súa dedicación ao seu traballo, xestor administrativo, e ao fútbol, a súa paixón.
-Este ano cumprín os 50 anos na miña profesión, e precisamente o Colexio Oficial de Galicia me recoñeceu nun acto. Son un home vocacional, o meu traballo, ao que sigo asistindo todos os días, sempre me ilusionou e nunca me defraudou. Ese traballo intercaleino sempre coa vida familiar e co fútbol. Vin fútbol todos os domingos da miña vida.
-Vostede é parte da historia do C.D. Lalín. ¿Que recordos garda das súas etapas como presidente e directivo?
-Foron épocas marabillosas. O que máis lembro son os éxitos do club. Ir por España adiante, ata Andorra, facer noite co equipo, convivir moito... Recorremos todo o norte de España. Recordo sobre todo os ascensos; o de Preferente en O Barco, o de Terceira en Verín con 1.500 lalinenses no partido, e os anos en Segunda B. Cando baixamos a Terceira propuxémonos subir a tempada seguinte, e lográmolo con moitísima claridade. Para min, o equipo da tempada 90/91 foi o mellor da historia do Lalín. Fixen moi bos amigos grazas ao fútbol; son moitas emocións. O deporte non cambiou moito, pero si a afición, hai moita menos, pero hai que resignarse.
-¿E a parte máis difícil?
-Sempre houbo moito apoio. Había apretos económicos, pero solucionábanse. Daquelas había que inventar de todo para xuntar recursos, pero a xente vivíao moito, algo que boto en falta agora.
-Segue fiel ao Lalín.
-Vívoo con intensidade; quérolle tanto ao Lalín, que sufro como o que máis. O ano pasado paseino malisimamente, e este ano tamén estou preocupado, necesitamos un referente.
-Para un home de fútbol ten que ser moi especial que se lle poña o seu nome ao estadio.
-Foi o máximo. Non o concibía; é algo que en cartos non ten prezo. Lembro que, vindo de Lloret de Mar lle confesei a un xornalista que uns días antes do acto oficial fun pola noite ao campo baleiro para sentir o efecto e non emocionarme tanto o domingo. Foi en balde; o domingo emocioneime igual, foi algo moi especial.