Lalín invita á comedia coa representación de «Cásting»

O. P. LALÍN/LA VOZ.

DEZA

Lagarta lagarta trae mañá á capital dezana un espectáculo teatral de humor, que xa triunfou en Santiago e Ourense

25 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Salón Teatro de Lalín acollerá mañá venres -21.30 horas, entradas a 3,5 euros e 2 euros estudantes- a representación de Cásting, a nova montaxe de Lagarta lagarta. Precedida dos seus notables éxitos de público en Santiago e Ourense, onde encheron os teatros durante catro e tres días respectivamente, Cásting é un achegamento a «como vemos á xente nova, en ton de comedia: os maiores démoslles todo feito, e eles están un pouco perdidos», sinalaba onte na presentación a directora Rosa Álvarez. Engadía que se trata dunha comedia de enredo, onde todo parece o que non é, onde os protagonistas son «seres perdedores, débiles, tenros, xenerosos, boa xente». Xente que, coma todos, se enfronta a unha serie de probas, como Andrés, unha das personaxes, a quen dá vida Ernesto Chao: «É un actor sesentón que segue indo de cásting en cásting a ver se atopa o papel da súa vida. Está en paro, polo que a situación se asemella moito á realidade, porque o próximo ano todos nós estaremos no paro. A cousa está fatal, na Xunta e nos concellos, que pasan unha etapa económica moi mala: non sei o que pasará co teatro deste país», reflexionaba Chao. E é que a compañía quedará fóra da Rede da Xunta por vez primeira, cun espectáculo recén estreado o pasado mes de setembro. Serán oito meses de parón, pero Rosa Álvarez facía onte súas as palabras da protagonista da obra e sinalaba: «O teatro é inmortal, e nós con el. Non nos vencerán».

Pero iso será o vindeiro ano. O venres sobre as táboas de Lalín o público poderá disfrutar cunha obra de humor cun ritmo trepidante, entolecido, onde ao redor da parella de actores protagonistas xiran outras personaxes que terán que ir superando os seus cástings vitais.

Elenco excepcional

A directora da montaxe, Rosa Álvarez, suliñou o elenco extraordinario da obra, «sen o seu talento non sería capaz de facer este espectáculo. Espero que o público veña, porque a xente se ri moito coa obra, que é o que queriamos». Xunto a Ernesto Chao participan María Bouzas, Belén Constenla, Rocío González e Alberto Rolán. A obra, que dura hora e media, é para todos os públicos, aínda que sinalaba Rosa Álvarez que ten «algún momento de sexo».