Olimpio Arca, Monte Cabalar e R acadan os premios San Martiño 2010

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA/LA VOZ.

DEZA

O padroado dos premios San Martiño de normalización lingüistica, convocados pola asociación cultural O Brado, acaba de fallar os galardóns correspondentes á vixésima edición da cita. Os premios organízanse en tres categorías. No apartado referente á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes o premio foi outorgado á sociedade cooperativa Monte Cabalar. O recoñecemento á normalización no ámbito galego foi para a empresa R e o galardón a toda unha vida de compromiso co idioma foi acadado polo mestre e escritor galego Olimpio Arca Caldas.

O xurado dos premios -que se reuniu a noite do martes para consensuar os recoñecementos do 2010- considerou á cooperativa estradense Monte Cabalar como un exemplo comarcal de difusión lingüística. A sociedade vertebra o seu funcionamento co galego como vehículo de comunicación común e habitual tanto entre as máis de trescentas familias de socios como na proxección da súa imaxe cara o exterior. Monte Cabalar é unha iniciativa pioneira no ámbito do cooperativismo galego que promove a posta en valor dos montes mediante o traballo con especies autóctonas, tanto no ámbito agrario coma no gandeiro.

Pola súa parte, a empresa R foi galardoada «pola súa implicación no uso normalizado do galego desde a súa creación e por ter o galego como forma precisa do seu carácter de empresa creada en Galicia».

O padroado dos premios San Martiño destacou as «amplas campañas publicitarias e de funcionamento da empresa co noso idioma como parte irrenunciable da súa estructura». «Tivo o mérito ademais de introducir os hábitos lingüísticos de emprego do galego nun sector estratexicamente tan importante como o da comunicación e as novas tecnoloxías», sinalou.

O mestre, escritor e historiador estradense Olimpio Arca Caldas acadou o premio á normalización do idioma durante toda unha vida por ter sido «dende sempre un férreo defensor do emprego da lingua galega na súa obra e na docencia».

Este galardón sumarase á lista de premios que o mestre e autor xa ten ás costas, como a Cruz de Alfonso X O Sabio, o de Mestre representativo da provincia de Pontevedra, o primeiro premio Brétema de Lembranza, o primeiro premio xornalístico Reimóndez Portela, o de Fillo predilecto de Cuntis ou o de Estradense de honra 2001 da asociación O Brado.

Ademais da súa faceta como docente e como escritor, Arca Caldas ten destacado pola súa promoción teatral, como autor e como director. «É un especialista en teatro escolar en galego que creou sempre a súa obra guiado polo firme propósito de que a riqueza do teatro forme parte da vida dos seus alumnos. Por iso é o seu un teatro lúdico e emocionante á vez que didáctico», resaltou o padroado dos premios San Martiño.

Os integrantes do padroado son Xosé López Vilariño, Manuel Sanmartín Obelleiro, Alfonso Vázquez, Félix Rodríguez, Enrique Vázquez Pernas, Lourdes Dono, Iván Sanmartín, Carlos Andújar, Valentín García, Olaia Barreiro, Lucía Carballeda e Xurxo Andión.

Entrega pública

Os galardóns serán entregados nun acto que se celebrará o vindeiro 11 de novembro, xoves, ás 20.30 horas no teatro Principal da Estrada. O acto estará aberto a todo o público en xeral.