Madeira de actores teatrales

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

A Escola Municipal de Teatro de Lalín inicia neste mes a súa décimo terceira etapa cunha quincena de agrupacións

01 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa entrada deste mes de outubro comezarán os ensaios no seo das agrupacións estudiantís, que se están xestando na Escola Municipal de Teatro de Lalín.

A escola inicia a súa décimo terceira etapa cun organigrama de traballo e de programación semellante a anos anteriores. «O ritmo é sempre o mesmo. Estaremos traballando coas ferramentas audiovisuais das que dispoñemos, iremos ollando posibles obras para representalas, faremos prácticas de vocalización e -o máis importante - é que os participantes se animen a crear, editar e facer guións», subliña o responsable da escola lalinense Xosé Manuel Ogando Montes. A actividade teatral na capital dezá só se retoma para os grupos que se constitúen nos colexios e nos institutos. «Non é o caso das parroquias. Alí mesmo no verán se continúa co traballo, con guións, ensaios... Nos centros educativos, obviamente, que non o podemos facer».

Unha nova tempada que se presenta interesante, segundo Ogando Montes, e na que se presentarán ao público unha quincena de agrupacións. «Antes das representacións hai moito traballo. Alá para decembro faremos entrega dos diplomas da pasada etapa e, a partires de aí, xa se comeza a ir pensando en representacións tanto en parroquias coma en colexios».

As parroquias de Palmou e de A Veiga son das máis veteranas e constantes. «Levan moitos anos participando nesta actividade. No grupo de Palmou non só están veciños de esa parroquia senón que están doutras localidades. Vilatuxe tamén conta cun grupo moi interesante, unhas 33 persoas. O instituto Laxeiro é tamén un dos centros que participa todos os anos na escola ao igual que o Xesús Golmar, O Manuel Rivero e o colexio de Prado. En cada un penso que contaremos con dous grupos de traballo». Para o responsable da escola lalinense o máis importante desta actividade «son as obras que escriben os alumnos e que posteriormente podemos representar».

Respecto do segundo musical que se ven artellando dende a escola, anúncianse cambios inmediatos. «Temos que recortalo. Son demasiados os personaxes que hai e, se temos en conta as miles de actividades que teñen os rapaces a súa disposición, é imposible poder xuntalos a todos nos ensaios. Xunto ao director Iago Mouriño optamos por reducilo».