O edil de Dinamización Rural de Lalín, Antonio González, realiza o Camiño en bici eléctrica dende Roncesvalles
12 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Aproveitando unha quincena de vacacións, o concelleiro de Dinamización Rural e da Área de Vilatuxe (Lalín) José Antonio González está realizando o Camiño de Santiago.
Un percorrido que está a facer en solitario «debido a que un par de colegas que me ían acompañar decidiron no último momento non facelo, pero eu decidín continuar co que tiña proxectado», explica o edil.
A realización do Camiño de Santiago por parte de José Antonio González non atende a ningunha cuestión en particular. «Quería facelo. Teño o negocio pechado por vacacións e era o momento oportuno para comezar o percorrido». De Roncesvalles partiu o pasado domingo a lomos dunha bicicleta eléctrica e, a Santiago, chegará nos vindeiros días. «Non me poño unha data en concreto. Non sabes o que vai pasar. De feito, estou a ter problemas nun xeonllo e tiven que acudir ao ambulatorio a que me deran algo para as molestias que viña tendo. Estou mellor pero é difícil prever o número de quilómetros que vas facer cada día. Depende de moitos factores. O que sí me apetece é estar en Lalín para as festas patronais, o sexa que para o sábado ou o domingo estarei aí». O concelleiro apostou por facer o traxecto en bicicleta por unha cuestión fundamental: o tempo determinado do que dispón para levalo a cabo. «Camiñando non daría chegado a Compostela nos días que teño libres e por iso optei pola bici eléctrica pero que ninguén pense que non hai que pedalear. No Monte do Perdón, por exemplo, atópaste cun carreiro, unha congostra das que tiñamos antes nós por aquí e non colles ti e a bici. A única opción posible é levar a bicicleta ao lombro e hai que salientar que este tipo de artiluxio pesa tres veces máis cunha bici convencional», sentencia González.
O edil -gran afecionado tamén as motos- preparou con antelación todos os detalles da ruta e vai xestionando paulatinamente as pertinentes reservas para pernoctar nos albergues nos que descansar. «Pese a todo levo bastante peso. Son tres mochilas: dúas ás costas e unha diante, a batería para cargar a bicicleta... Tranquilamente trinta quilos de peso».
Respecto do estado en que se atopa a sinalización e o estado do Camiño, as consideracións son absolutamente dispares. «En Palencia o camiño é bon, está en óptimas condicións e a sinalización tamén está ben pero non en todos os sitios é así. Algún concello non lle presta ningunha atención a ruta é está aí para ver. Algún é unha auténtica pena. En máis dunha ocasión xa pensei no interesante que sería armarse de papel e boligráfo -ao chegar a Santiago- e ir redactando cartas ás alcaldías para felicitar ou denunciar a situación de dito camiño».