A vixésima edición da Festa do Emigrante de Ventosa, Agolada, serviu de escusa para o reencontro de familias e amigos baixo os carballos de A Cudeseira
08 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Bicos, abrazos e saúdos con cadencia anual sucédense en Ventosa. A carballeira de A Cudeseira exerce de marco incomparable - como dicía o poeta- para poñer a tirita á morriña que acompaña durante meses aos que no seu día tiveron que partir. A Festa do Emigrante preséntase con vinte anos ás costas, pero conservando o seu poder de convocatoria. Dan fe as numerosas mesas que se asentan sobre a terra e se converten en improvisados, pero ben organizados, comedores nos que familias e amigos se reencontran. A morriña que impregna o ADN galego e o gusto polas comidas populares á sombra dos carballos converte en citas obrigadas celebracións como a de Ventosa ou a de Larazo, que en días pasados festexou a súa Festa do Emigrante, con 31 edicións no seu historial.
Ao contrario que na pasada edición, o sol non fallou desta volta á súa cita con Ventosa, e un clima agradable preside a festa. A cita é ao xantar, polo que pouco despois do mediodía arranca o desfile de bolsas, fiambreiras, caixas e bandexas das que sairán os pratos cos que se honrará a festa. Matriarcas expertas e dilixentes afánanse á hora de ultimar os preparativos do xantar, mentres os máis veteranos gozan da sombra dos carballos -e algún que outro eucalipto- que conteñen o sol. Algúns cativos exploran o que será o seu cuarto de xogos por un día, mentres outros se poñen ao día, á súa maneira, de todo o que hai por diante.
Hora punta na carballeira
O reloxo supera a unha da tarde, e como se dunha hora punta se tratase, os coches agólpanse á entrada da carballeira. Hai que seguir baixando víveres cos que afrontar unha xornada que non se presenta precisamente frugal. As floridas camisas dos integrantes da charanga Os Amigos de Visantoña comezan a moverse ao compás dos seus ritmos populares, e os vermús corren polas gorxas no bar instalado nun dos flancos de A Cudeseira. O aroma a romaría e a comida popular comeza a impregnalo todo, igual que o arrecendo do polbo que degustarán os que preferiron ir a mesa posta.
Unha xornada longa
O tempo avanza, e os reencontros continúan. Máis bicos, apertas e saúdos. Máis resumos do vivido nos últimos meses e avances sobre as vacacións. O desembarco da clase política non altera o ritmo que impera na carballeira, senón máis ben ao contrario. Unha das integrantes da comisión de festas non deixa pasar a ocasión de vender camisetas coas que recadar fondos antes de que os comensais tomen asento. A música de Mozos do Farelo vai aproximando aos romeiros aos pratos, e iniciase o desfile de comida. Quedan por diante horas de xantar, sobremesa e contos. A xornada preséntase longa e emotiva, e haberá que aproveitala. Para os que o día se faga curto, quedará a noite. A orquestra Triángulo amenizará a verbena e pechará un día no que non hai espazo para a morriña.