«Formamos animadores cristianos para a pastoral»

Amelia Ferreiroa LALÍN |

DEZA

Leva vinteún anos na selva peruana onde «as persoas continúan precisando dunha mensaxe de esperanza»

28 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Odilo González (Donramiro-Lalín) atópase en Galicia «refrescando as raíces da terra». Catro anos nos que Lalín «mudou bastante. Xa non é aquela única arteria principal e mesmo teño problemas cos nomes das rúas». E, da súa parroquia natal de Donramiro, «boto de menos que me sacaran a vista do campo de fútbol, despois de que levantaran o centro social. Agora xa non podo ollar os goles do Lalín -risas-...).

-Que lle atrapou de Perú para que leve alí vinteún anos e con intención de seguir...

-Perú ten o encanto da natureza, da paisaxe pero sobre todo das súas xentes humildes e sinxelas. Son persoas que manteñen a esperanza no porvir, son alegres, agradecidas, participativas...

-A situación do país será ben diferente hoxe de como o atopou cando chegou...

-Un país avanza pese ao retroceso. Cando fun por primeira vez atopei un país aterrorizado por Sendeiro Luminoso e RTA. Hoxe hai brotes de terrorismo e de violencia coma en moitos outros sitios pero a xente está tranquila e alegre. O terrorismo deixou en paz á nosa terra de Perú. Por outra parte, nestes anos puiden comprobar os cambios que se foron producindo -por exemplo- a nivel das vivendas. Aquelas casiñas con teitos de folla deron paso a vivendas que xa teñen teito de uralita e levantadas con ladrillos e cemento. Certo que hai moitas necesidades aínda pero as cousas van mudando en positivo.

-¿A cantas comunidades atende?

-Estou en Tarapoto, unha cidade de 100.000 habitantes, e teño ao meu cargo 27 comunidades espalladas pola selva.

-E, ¿para atender a tantos fieis como fai?

-Dende o templo parroquial desprázome nunha camioneta polos camiños da selva e vou a todas as poboacións. Non estou só nesto. En cada población hai un responsable que se encarga da capela e do culto relixioso. En Perú, coma noutros países, hai carencia de cregos e nós formamos animadores cristianos para facer o traballo pastoral. Eu trato de potenciar a tarefa que realizan, de darlles forza e posteriormente facemos encontros comunitarios e xornadas de convivenza. En total son 2.500 fieis os que atendemos, e na súa ampla maioría son nenos e mozos.

-¿Aproveitará a súa estancia en Galicia para pedir algunha achega para o Perú?

-Non. A crise é xeral. As necesidades están aí, pero aquí tamén as hai.

-¿Pensa voltar a Lalín?

-No 2013 cúmprese o centenario da chegada dos Pasionistas ao Perú e quero estar alí... Non sei cando voltarei. De momento estou ata o 31 de agosto.