Non era Eddy Mercks nin Induráin nin Contador nin ningún destes fenómenos do ciclismo. Nin tan sequera sei se tiña algunha ficha de afeccionado deste deporte, pero o seu afán de levar unha vida o máis saudable posible empuxábao a montar en bicicleta xunto con outros amigos. Este que escribe mirounos moitas veces arrancar desde a praza da Igrexa a quen sabe que puntos da nosa bisbarra. Esta vez non había moitos puntos para saír a pedalear e animouse a marchar só, con tan mala fortuna que un fatal percance nunha pista calquera da nosa bisbarra deixouno sen vida terreal.
Este servidor, que por desgraza sabe moi ben o que é ter accidentes mortais na familia, pois levamos cinco ou seis, entre eles un irmán atropelado por un coche -que para máis dor noso deuse a fuga- sabe moi ben que non hai moito consolo nestes casos. Aínda que eu quero que saiban que en dous días que duraron as visitas continuadas de centos de xentes para saudar os familiares deste veciño non vin unha soa cara na que non se notara a tristura que ía por dentro. Nin na rúa nin nos bares onde entrei se falaba unha palabra máis alta ca outra. A xente comía o xenio como podía tratando de explicarse que por desgraza sucede tódolos días, pero que nos doe máis cando nos toca de cerca coma nesta ocasión. Vin tamén chorar a unha moza rumana a quen polo visto ten axudado esta familia, aínda que estas cousas non se deben dicir. E aínda que me parece que non son da nosa relixión, non parou ata que entrou na igrexa. Por certo, que moi educadamente e tratando de que non a miraran así, chorando.
Este que escribe leva posto o crespón negro do Casino de Lalín cento dúas veces. Teño a todos anotados con nome e apelidos, pero podo asegurar que nesta ocasión tremíanme as pernas e as mans como nunca me pasou ata hoxe. Pero está é a lotería que nos toca a case todos. Saen os números que ogallá se quedaran no bombo para sempre desde agora.
Díxome en certa ocasión a nai do rapaz que eu escribía moi ben. Pois hoxe aproveito para dicirlle a miña amiga Luz que eu non escribo ben. Escribo o que pensan a maiorías das boas xentes de Lalín, os que eu escoito falar aquí e alá. E falando do lado de alá onde están eles, estade moi contentos na familia pois desde agora a xente pensa que xa tedes outra recomendación máis. Alguén que vai a estar moi pendente de vós, un que alí estará no pelotón de cabeza, Guillermo Fernández Mato. Amalio González Moure, amigo da familia. Lalín