Tratan problemas sociais, misturan estilos e só precisan dun vocalista para presentarlle ao público a súa creatividade
16 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Morne. «Buscabamos un nome en galego que soase a estranxeiro pero que fora da terra. Pese a ser unha palabra coñecida hai quen nos pregunta que significa». Así explica o batería do grupo lalinense o por que da nomenclatura deste grupo local formado por Ríchard, Poutón, David e Luís, que xa cumpriu dous anos de vida.
Maila os anos que leva funcionando non se presentou aínda oficialmente ante un publico. Gañas non lles faltan pero á espera están de dar co vocalista que están buscando para o grupo. Os requisitos: mozo ou moza, indiferentemente; pero sí imprescindible que posúa «unha voz grave e dura pero que sexa tamén limpa. Xa buscamos, seguimos facendoo pero non demos aínda coa persoa axeitada. Non nos desanimamos e continuamos coa nosa particular búsqueda», asevera Luís. A música de Morne é coma o seu propio nome indica «rapidos e lentos. Unha mistura de metal. Doom Metal e Crust».
Morne non conta -de momento- cun primeiro traballo publicado pero material non lle falta despois de meses de traballo. «Penso que contamos actualmente cunha ducia de temas que son de longa duración, de entre cinco e sete minutos. Temos catro que tocamos de seguido e que duran en total vintecinco minutos». Respecto da temática que recollen os músicos da formación lalinense nos seus temas figuran sobre todo os problemas sociais «e de crítica á empresas, por exemplo, pero que disimulamos dende o conto de terror». Os temas «creámolos segundo nos veñen. Cando nos xuntamos un trae unha cousa, e outro outra... Todos colaboramos nos temas... Certo é que eu teño agora algo máis de tempo libre, non teño traballo e sí horas suficientes para adicarme a este proxecto».
Con Ríchard e Poutón á guitarra, David ao baixo e Luís á bateria, o grupo Morne ven ensaiando en Rodeiro. «Xuntámonos na vella casa escola de A Latiza. O concello tivo a ben deixarnos o local para os ensaios e alí estamos, depois de facerlle un chisco de acondicionamento. Estámoslles moi agradecidos ao concello por esta colaboración». Pero non estamos a falar de ensaios esporádicos ou dun só día á semán. «A verdade é que estamos ensaiando dúas, tres, catro e mesmo cinco veces á semán. Tomámonos o proxecto musical en serio e adicámoslle o tempo que podemos. Contamos xa cun repertorio máis que suficiente para poder comezar a dar algún concerto, e xa nos gustaría. Agora só esperamos que xurda ese vocalista, traballar un par de meses con esa persoa para que se acople música e voz e saír».