O grupo Ailola celebrará este domingo no Salón Teatro o festival, que foi aprazado no mes de marzo, polo temporal
11 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A mala climatoloxía impediu a celebración no pasado mes de marzo do festival que habitualmente ven celebrando o grupo folclórico Ailola, de Lalín, e cuxa data quedou marcada no calendario para este domingo.
O festival levarase a cabo nas dependencias do Salón Teatro da capital dezá, dende as cinco da tarde. Unha actividade que é toda unha tradición no seo da agrupación lalinense. «Levamos moitos anos facendoo. Antes facíase normalmente polo Nadal, logo xurdiu un baixón de integrantes e penso que houbo un par de anos en que non se organizou. Agora levamos tres anos ininterrumpidos celebrando este festival no que participan sempre agrupacións convidadas coas que mantemos intercambios», asegura Luisa Presas de Ailola.
Os grupos Falcatrueiros de Monterroso, O Pedrón (Padrón), A Ponte Vella (Teo) e Ailola serán as catro agrupacións que se subirán ao escenario do Salón teatro lalinense este domingo. «Actuarán as seccións infantís de todos estos grupos que nos devolven visita xa que nós actuamos en todas as localidades o ano pasado. Por outra banda, ao estarmos na casa aproveitaremos para bailar nós tamén unhas pezas, o grupo dos maiores».
A agrupación lalinense conta actualmente con 25 membros que se distribúen en tres seccións: pequenos, medianos e maiores. «Os máis pequenos do grupo teñen 4 anos e de aí para arriba. A idade que máis abunda é cecáis os de nove anos e a partires de aí xa temos un duro rival. Que difícil é competir co fútbol cando os nenos teñen nove, dez anos...», sentencia Luisa. Pese a elo a formación goza de boa saúde, conta cun grupo de pandereteiras e está traballando na posible celebración dun intercambio con algún grupo folclórico da costa galega ou do interior. «Non temos unha preferencia especial por unha zona ou outra. O que sí ten que ser de Galicia ao non poder desprazarnos moi lonxe con nenos pequenos».
E, de cara aos meses de verán, Ailola xa ten marcadas varias saídas. «Que eu me lembre está ir ao San Xoán a Castro de Cabras e temos previstas tamén tres actuacións máis dentro da programación dos Circuitos Culturais do Concello de Lalín. E posiblemente xurdan algunhas cousas máis». E namentras non chegan as saídas continúan os ensaios semanais, todos os venres. «No inverno facemos os ensaios na Casa da Xuventude e no verán estamos pendentes do local que nos ceda o concello». Pero, o máis próximo agora é o festival ao que están convidados pais, familiares dos cativos de Ailola e de todos os interesados.