Síntome decepcionado coa carta de Matías, pois crin que unha persoa con carreira tería máis cintura para aguantar as críticas, e máis capacidade dialéctica para debater sen insultar.
Decepcionado porque esperaba que a súa resposta fora feita dende a serenidade, de tal xeito que empezara por onde acabou, invitándome a un café, e non insultando dende o rencor, chamando a non se sabe moi ben que tipo de mobilizacións contra min nas redes sociais e culpándome de cousas que non se apreciaban na miña carta e que paso a aclararche.
Acúsasme de xenófobo, algo que me parece de extrema gravidade e sen ningún fundamento, xa que nin sequera insinuei nada ó respecto na miña carta sobre o amigo Xerardo. Calquera persoa que lera a miña carta e saiba o significado de xenofobia, nunca establecería ningunha relación entre eles. Só deixei claro que, ó meu entender, se relaciona pouco cos veciños.
Acúsasme de tratar ó BNG coma unha secta, nada máis lonxe da realidade xa que non o faría con ningunha formación e menos con unha á que sempre lle gardei moito respecto. Isto non quere dicir que non poida ter nas súas filas algún sectario.
O goberno que nos goberna acusábame fai uns días de querer unha rúa á miña medida, ti vas máis alá e acúsasme de ser o propietario do pobo. O da rúa xa foi contrastado polos veciños, que grazas as súas presións se demostrou que tiña razón e que nos estaban privando do que era noso. Por certo, en ditas presións non te vin ó lado dos veciños, pero claro, o que nos sacaban alí eran farois, bancos, papeleiras, beirarrúas, etc. Cousas sen importancia; se o que fixeran fora cambiarlle o nome, entón, seguro que estarías.
Eu nunca presumín de ter ido ós plenos antes de entrar en política. Eu o que denuncio é que se fale deles sen coñecelos nunca falei deles ata que os coñecín, e non poño como escusa a Xerardo para atacarche a ti, Matías, simplemente non me creo que alguén sexa tan presuntuoso coma para atreverse a comentar o que non coñece, e como ós plenos da túa formación, só acodes ti, din por feito que falaba pola túa boca.
Acúsasme de mesturar o touciño coa velocidade por vincular os cobros de débedas do Concello cos pagamentos, pois xa me dirás como se pode pagar se non se cobra.
Non sei por qué ves unha ameaza cando digo que podes desaparecer -politicamente falando- se iso non está nas miñas mans, senón nas dos nosos veciños, que son os que teñen o voto. Non será que ves unha realidade e por iso te pos tan nervioso?
Para rematar, quero dicirche, Matías, que sentidiño xa o teño dende moito tempo antes ca ti, aínda que sexa por unha simple cuestión de idade, e recórdoche que o que empezou isto foi ese mozo tan preparado de Galiza Nova dicindo que faciamos dos plenos un plató de Sálvame. E os que, por unha razón ou por outra, non estamos tan preparados academicamente tamén temos dereito a falar e expresar as nosas ideas dende o respecto, ó que eu creo que non faltei na miña carta, e ti na túa, si.
Se queres tomar un café estarei ó outro lado do teléfono, encantado de compartilo contigo e con Xerardo tamén.