Unha Foliada con sabor dezao

Amelia Ferreiroa

DEZA

As agrupacións Pao de Buxo, Xirandola e Bico da Balouta participarán esta fin de semán na sexta Foliada de Melide

23 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Mostra de artesanía, concurso de Cantos de Taberna, seminario de percusión, conferencias e actuacións forman parte da programación da sexta edición da Foliada de Melide, que se desenvolverá esta fin de semán, baixo a organización da Asociación Cultural e Musical O Castelo.

Un total de dezasete grupos galegos e vascos actuarán este sábado, a partires das 21 horas, na Praza das Coles. Alí estarán tres formacións da comarca de Deza: Bico da Balouta (Agolada), Xirandola (Bandeira) e Pao de Buxo (Silleda) ademáis de cinco agrupacións de Melide como son Herba Grileira, Froito Novo, Axóuxere, Vaidarela e Abeancos. Participará tamén Fol da Chousa (Visantoña), Bingo Birón (Toques), A Maristela (Sobrado), Fiadeira (Antas de Ulla), Falcatrueiros (Monterroso), as Pandereteiras de Sarria, Maghúa de A Coruña, Douteson de Serra de Outes e, chegados dende Santurtzi, os Airiños Galegos Doce Albor. Ao rematar ese serán de actuacións continuarán, ao fío, da unha e media da madrugada os Tiruleque e Ce Orquestra Pantasma. Unha primeira xornada de Foliada que se aperturará coa Mostra de Artesanía e Exposicións na Praza do Convento. Á mesma hora, ás once da mañán, está previsto comece un seminario de percusión para o canto tradicional no edificio multiusos e animación de rúa con xigantes e cabezudos acompañados polo grupo Treboeiros.

Na zona de viños, dende o mediodía, haberá Concurso de Cantos de Taberna antes de que ir a xantar para, pola tarde, voltar a participar en máis actividades. Así, ás cinco, iniciarase unha conferencia sobre «Instrumentos pobres», na Capela de San Antón, que ofrecerá Manu Rodríguez «O Hedras». A entrega dos premios do Concurso de Cantos de Taberna, con actuación dos grupos gañadores, será ás seis da tarde antes da actuación do grupo Treboeiros na Praza do Convento.

A xornada do domingo será eminentemente musical con actuacións de Airiños Galegos Doce Albor, Brisas do Quenllo (Tordoia) e Arrás. Celebrarase tamén un obradoiro tradicional no que se aprenderá a convertir un fío en tea e a compañía Títeres Tres Globos porá en escea a obra «O parrulo feo», na Praza das Coles, a partires das cinco da tarde. Media hora máis tarde, na Praza do Convento, haberá teatro.

Un evento que pretende, según os organizadores, dinamizar e divulgar a cultura e o folclore galego. Dous días, 24 e 25 de abril, en que as rúas e prazas de Melide voltarán a congregar a multitude de grupos. Un evento ao que se espera asistan, un ano máis, veciños e visitantes.