«Fichóuseme para marcar goles, e iso é o que intento»

DEZA

Os seis goles que anotou nos dous últimos encontros sitúan ao dianteiro encabezano a lista de goleadores dos de Tabeirós. E hai ganas de máis

10 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Corenta e dous puntos, e corenta e dous goles. Eses son os números de partida do Club Deportivo Estradense. Logo de 23 xornadas de Liga, e defendendo o liderato, o conxunto de A Estrada presume de ser o máis anotador da categoría. Só Porriño con 41, Barbadás con 40 e Ribadumia con 38 goles se aproximan á capacidade goleadora do equipo que adestra Ramiro Sorbet. Dos 42 goles asinados pola escuadra «rojilla», unha ducia levan a sinatura de Julián, un dianteiro que semella terlle collida a medida á categoría, logo de asinar 6 goles nos últimos dous encontros.

-¿Espertou vostede de algún letargo nas últimas xornadas?

-Só foi ter un pouquiño de sorte. Hai veces que o balón entra, e outras nas que non hai maneira. Debería levar algún gol máis, pero non estiven moi atinado.

-De todos xeitos, anotarlle 4 goles ao Cambados e dous ao Caselas non é moco de pavo.

-Hai tardes que se presentan mellor ca outras. Nos últimos partidos o balón quixo entrar na portería, e hai que aproveitar a racha.

-¿Como valoraría a súa tempada no Estradense?

-Pois ao principio non moi ben. Só xogara unha tempada en Preferente, e fora na Norte, así que descoñecía a categoría e custoume algo adaptarme á Liga e ao xogo. Unha vez que lle collín a medida, pois ben. Estiven catro partidos sen poder xogar por problemas de costas, pero xa estou recuperado.

-Non todos os momentos desta tempada están a ser doces. ¿Nalgún momento pensou iso de que «quen me mandaría a min baixar de categoría»?

-Si, nalgún momento pode que o pensara. Antes de asinar co Estradense tiña ofertas sobre a mesa para continuar en Terceira División, pero o proxecto, a implicación da directiva e o equipo convenceume. A día de hoxe podo dicir que estou moi contento.

-En plena segunda volta, e logo de dúas semanas redondas para vostede e o equipo, ¿considera que está no seu mellor momento?

-Penso que podo seguir mellorando, e para iso estou traballando. Temos un bo grupo no equipo, e estamos todos moi implicados co proxecto do Estradense.

-O seu rexurdir goleador coincidiu co espertar do club trala racha de malos resultados. ¿A que atribuiría esa paréntese?

-Pois pode que tiveramos algo de ansiedade nalgún momento, pero cando tes un pouquiño de sorte, como agora, encadeas unha racha boa e lévalo todo mellor. Os resultados axudan, e a nós o obxectivo ten que darnos ánimos para estar o máis arriba posible.

-A situación que viviu o equipo cambiando de adestrador a metade de tempada, ¿como o valora?

-Está claro que esas situacións non axudan, porque son problemas á hora de adestrar con normalidade pola semana. Javier traballaba moi ben, tivemos mala sorte e perdemos, e a directiva tomou unha decisión. Agora parece que está superado o cambio, e todo o equipo está con moitas ganas.

-¿Cambiou moito o seu traballo ao mudar de técnico?

-Non, cada adestrador ten as súas normas e ideas, pero eu sempre estiven como dianteiro.

-Falemos de obxectivos. ¿Que agarda a nivel individual?

-O meu obxectivo persoal é axudar ao equipo; a min fichóuseme para marcar goles, e iso é o que intento. Esperemos continuar nesta boa racha, e que se non son eu o que os marca, pois que sexan os compañeiros. Está claro que cantos máis goles marque, pois mellor para min, e mellor para o equipo.

-A nivel de club non é preciso recordar cal é a meta.

-Iso é algo que temos todos asumido. Queremos o ascenso.

-Agora parten como líderes. ¿Iso é unha vantaxe?

-¡Oxalá acabara hoxe a Liga!. A min persoalmente o estar aí arriba dame ánimo para pelexar polo obxectivo. Chegar ao luns e atoparte na prensa que vas liderando a clasificación é agradable. Os rivais penso que nos ven igual vaiamos sextos ou primeiros. Todo o mundo nos respecta, e nós temos que xogar atendendo a iso.