Escalando táboas escénicas

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Escola Municipal de Teatro de Lalín entregará o día 16 máis de douscentos diplomas a outros tantos alumnos

09 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Escola Municipal de Teatro de Lalín fará entrega o vindeiro 16 de xaneiro, ás 20.30 horas, no auditorio dos diplomas aos alumnos que participaron na actividade ao longo do pasado ano. Trátase da entrega das acreditacións de asistencia na undécima tempada. Recibirán diplomas unhas 215 persoas, pertencentes a unha docena de grupos. «A cantidade tanto de alumnos como de formacións é moi semellante a anos anteriores. Coma sempre había -e séguense mantendo- grupos en parroquias, centros educativos e institutos. Os diplomas que entregaremos son os da tempada 2008/2009», salientou o responsable da escola Xosé Manuel Ogando. Unhas das novidades que se lle presentará ao público asistente ao acto de entrega de acreditacións do vindeiro día 16 será a proxección de varias curtametraxes. «O que imos proxectar son algúns dos mellores traballos en audivisual que fixeron os alumnos da escola na pasada tempada. A duración das curtas é de entre cinco e sete minutos cada unha. Non imos desvelar o nome das mesmas para que se manteña o efecto sorpresa para todos: alumnos e asistentes».

Na actualidade, todas as agrupacións que están integradas na escola de teatro están elaborando curtametraxes. «Algún dos grupos aproveitou as datas de Nadal para presentar os traballos realizados e outros non o farán ata final de tempada. O que sí se constata é un enorme interese polo uso do audiovisual entre todos os alumnos, cativos e adultos». Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Teatro, que se celebra en marzo, e co Día das Letras Galegas, en maio, non se descarta a posibilidade de facer algún estreo tamén de curtametraxes ou dalgunha obra de teatro que se está ensaiando. Pero despois de doce anos, ?que lle falta á escola lalinense? Algún grupo específico máis, a xuizo de Ogando Montes. «Non contamos cun grupo só de persoas adultas e tampouco está constituida unha agrupación da terceira idade. Nós estamos abertos á posta en marcha dos mesmo. Só depende do interese que poida xurdir entre os veciños de Lalín. Tamén me gustará ter un grupo de teatro no que estiveran amas de casa, tanto do casco urbán coma do rural. Sería interesante. Non sei se será posible de cara a esta tempada pero, ao mellor, para a vindeira».

Namentras non se cumpre dita posibilidade, Xosé Manuel Ogando valora moi positivamente estos doce anos de traballo no seo da escola. «Foron anos nos que todo foi positivo e puidemos observar unha evolución nos grupos e na escola con alumnos que pasaron a ser colaboradores».