Un campamento con sona

Amelia Ferreiroa

DEZA

Corenta chavales lalinenses participarán, dende o luns, nas actividades do campamento que incluirá festa espacial

18 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A historia voltou a repetirse. A apertura do prazo de anotacións para os interesados en acudir aos campamentos de Nadal e prazas cubertas en só un par de días. Non existe a mínima dúbida: os campamentos na capital dezá teñen demanda. «É unha demanda en alza. A verdade é que é unha ventaxa que nos coñezan e xa os campamentos teñen sona polo que se hai corenta praza cúbrense e se tiveramos cincoenta seguro que tamén. De feito, de cara ao vindeiro ano, ao mellor se amplía. O Concello de Lalín sempre se foi adaptando ás necesidade que prantexaban os cidadáns respecto dos campamentos e seguro que o seguirá facendo», sentencia Patricia Martínez -xerente da empresa Eduvía, que se encargará do desenvolvemento da actividade-.

O vindeiro luns dará comezo esta nova edición dun campamento de Nadal que acollerá a cativos de entre 5 e 8 anos. Nas dependencias da Casa da Xuventude desenvolveranse boa parte das actividades, que se celebrarán en horario de 16.30 a 18 horas.

A programación de actividades do Campamento de Nadal do Concello de Lalín manterá a estructura básica de anos anteriores. «Será un campamento ameno e divertido no que conxugaremos saídas con talleres e algunha acción especial que faremos con todos os cativos como será, por exemplo, a gran festa de fin de ano. Un ano máis haberá visita á residencia onde compartiremos cos residentes unha tarde de divertimento». Todos os cativos participantes aprenderán hábitos saúdables, como é a inxesta de froita. «Levamos anos coa merenda sana e imos seguir. Temos pensado tamén incidir nalgún achegamento ao mundo do deporte e faremos unha árbore de nadal. Outra actividade que deseñamos é que pensamos que terá grande aceptación será o de ir cantando panxoliñas polas rúas de Lalín e tamén levalas á Residencia Nosa Señora das Dores».

Por outra banda, en colaboración co xeriátrico lalinense está previsto facer un belén. «Queremos facelo con anciáns e con nenos do campamento». Non faltará tampouco a festa de fin de ano que, nesta ocasión, será espacial ao conmemorarase neste exercicio o Anto Internacional da Astronomía. Se o tempo o permite, os rapaces tamén contarán con varias saídas polo casco urbán. «O centro de operacións será a Casa da Xuventude pero queremos ir a outros sitios para que non sexa aburrido».

Sete monitores da empresa Eduvía serán os encargados de artellar e controlar todas as actividades que se vaian celebrarando ao longo dun campamento que, sen dúbida, voltará a darlle un respiro aos pais traballadores.