Sempre vai frío o día 10, ese frío que enche aos osos, manca a pel e obriga os faltos de cabelo a poñer pucho. Ese frío que hai anos obrigou aos poucos veciños que se achegaban fachendosos a verbena do 10, a ficar nas súas casas logo de moito tempo intentando manter coa súa presenza unha tradición.
Ese mesmo frío que fixo doado que as modas do verán foran tinxindo o noso territorio de festas novas, tentando obrigarnos a que esqueceramos o dereito de celebrar a festa da patrona.
Pero xa sabemos que os silledenses, somos teimudos de por si e pouco dados a respetar as imposicións, ainda que estean fundamentadas en algo tan certo como o frío, e que non soemos quedarnos quietos, por iso algúns decidiron seguir loitando para darlle unha volta máis a esta historia de friaxe e amizade.
Así, un grupo de homes e mulleres, sen nada que gañar e moito que perder, foron quenes de recuperar hai uns anos a festa do 10. A súa dedicación, o seu tempo e seguramente algunha mala sangue, permítenos hoxe voltar a bailar nunha fría noite de inverno.
Foi a asociación Olaia a que recuperou o espírito da Festa da Patrona, da festa de inverno, e iso é algo que non debemos esquecer e si agradecer. Por iso, hoxe queremos, con humildade, que este escrito sirva como homenaxe o traballo desinteresado das directivas de Olaia, que durante unha morea de anos fixeron posible co seu esforzo que o día da patrona voltara a ser.
Quen non lembra as festas feitas un pouco o quentiño, por iso de non empezar con demasiada presa, nos baixos de veciños voluntariosos, que cedían as súas propiedades para que os demais disfrutáramos, ou as troulas que se chegaban a organizar no salón parroquial coa axuda desinteresada de D. Xulio.
Quen non recorda aquel ano que organizaron a patrona na rúa do Cine, baixo carpa, con banda e orquestra como se fose a millor das verbenas. Moitos aínda temos no recordo aquel karaoke no que Meritxell nos deixou a todos apampanados coa súa voz aínda meniña, mentras os demais tentábamos escapar do micro para non acabar facendoo tan mal como os xaponeses que aunciaban semellante invento na TV.
O camiño non foi sinxelo, tiñan que buscar financiamento, algo que non era doado, aínda que as veces, a deusa Fortuna, botou unha pequena man axudando o darnos a todos, a través de Olaia, un premio na lotería de Reis, co que durante anos disfrutamos do alumeado da festa da patrona e que, xa logo, quedaba para o Nadal.
O ano pasado, foron quen de atreverse a combatir a friaxe na praza da Feira Vella, e deu bo resultado, porque a música de Santi, o fillo de López, fixo que baixo o himno de «Paquito o chocolatero» todos os alí presentes, uníramos as nosas máns, aínda que non fora por unha zona demasiado cortés. As gargalladas escoitábanse lonxe, eran gargalladas de amigos e de veciños, tan lonxe, que chegaron seguramente ata Manduas, porque poucos meses despois voltamos a bailar o «Paquito» cos de Avema, unindo de novo as nosas mans de veciños.
Que a nova directiva recolla este testigo, e que o faga, ademáis, con tantas gañas é garantía xa de por si de éxito. Éxito que nos permitirá seguir disfrutando das nosas tradicións. Parabéns e boa Santa Olaia os silledenses de ben. Paula Fernández, Manuel Cuiña e Dolores García. Veciños de Silleda.