Adelicada situación pola que atravesa o colexio Sagrado Corazón, sobre todo polos temores que mostran o alumnado, os pais e o profesorado ante o seu incerto futuro, é un tema frecuente de comentario na rúa e nos medios de información local, e é lóxico que esta situación provoque tamén en cantos pasamos polas súas aulas un sentimento de sincera tristeza e preocupación.
A vida das empresas, como a das persoas, sofre con frecuencia cambios imprevistos, e non sempre se deben a unha sola causa. E non parece este o mellor momento para furgar na historia do centro en busca dos responsables da súa actual situación empresarial, que en ningún modo -e é moi importante subliñalo- está afectando a boa marcha dos cursos que nel se imparten.
Quen subscribe estas liñas, tanto na súa longa etapa de concelleiro en Lalín, como durante a súa recente etapa ó fronte da delegación provincial de Educación, tivo máis dun desencontro coa dirección do colexio. Pero eses desencontros, non deben de ser impedimento para recoñecer a labor desenvolvida no centro dende os anos 60 do século pasado por seu director, don Fidel, e polo seu cadro de profesores.
Todo o seu antigo alumnado, veciños e veciñas na súa maioría de Lalín e de toda a comarca, pero tamén de toda Galicia, non podemos menos que recordar aqueles, para moitos de nós, xa lonxanos anos de estudo e formación persoal, ó compás dunha disciplina férrea e paternalista a un tempo, e véñenche á memoria nomes de profesores xa falecidos como D. José Manuel Rodríguez, excelente profesor de Lingua e mellor persoa, ou D. Gerardo Fentanes, que mantendo unhas conviccións republicanas -que xa non nos ocultaba daquelas- moi profundas, era capaz de impartirnos clase de Formación del Espíritu Nacional; e valoramos agora sobre todo o traballo feito con moitos alumnos internos da comarca encomendados ós coidados do centro polos seus pais emigrantes en Holanda, Suíza, Alemaña,..., e que sen este colexio non terían a oportunidade de estudar.
Coa serena obxectividade que nos permite a distancia no tempo, e por suposto a marxe da miña posición persoal clara de aposta polo ensino público, quixera que estas breves liñas contribuísen a despexar dúbidas (o colexio ten concerto educativo por catro anos e non é factible nin agora nin probablemente nunca outra actividade), a animar a empresarios locais a que se involucren no presente e no futuro do centro, a recoñecer unha labor educativa de moitos anos que cada un xulgará como estime oportuno, pero sobre todo que sirvan para transmitirlle o meu apoio e o meu ánimo a D. Fidel e á súa familia nestes duros momentos polos que están pasando.