«Estou a favor da competencia, é boa sobre todo para os clientes»

DEZA

Dúas décadas despois de que Manuel Cabanas se puxese á fronte do Restaurante Central, o seu fillo Jesús colleu o relevo para darlle un novo pulo

25 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Practicamente medrou nun bar. Por iso, non era de estrañar que Jesús Cabanas decidise seguir o camiño que no ano 1981 tomou o seu pai, Manuel Cabanas, en Compostela: dirixir un restaurante na rúa da Raíña, a meca da hostalería de Compostela. Hai oito anos, o seu pai deixou ao seu cargo o Restaurante Central, ao que o ano pasado lle deu un novo pulo: a reforma total do establecemento fixo que contase cunha entrada tamén pola Rúa do Vilar e que a clientela mudase un chisco. Mentres, o seu pai, Manuel Cabanas, seguiu dirixindo o restaurante que colleu en 1993 e un dos máis tradicionais da cidade: o San Jaime.

«A clientela mudou un pouco, si. Seguimos tendo de todo, estudantes, xente nova e turistas pero agora veñen máis familias, por exemplo», explica Jesús, que de súpeto é interrompido por unha rapaza que entra pola porta do Central para saudalo. Foi estudante en Compostela e unha das cousas que máis lembra era almorzar, xantar e cear na mesma mesa do San Jaime: a primeira á esquerda nada máis subir as escaleiras.

-¿É habitual que pase isto, que se achegue xente que foi estudante en Santiago?

-Si, hai xente que estudou aquí e agora traballa por fóra e cando volve pois lémbrase diso, de comer no San Jaime, e pasa por aquí.

Se os estudantes son xa como da familia e aínda hoxe pasan facer unha visita, o propio persoal non é menos. No restaurante San Jaime hai camareiros e cociñeiras que traballan alí dende antes de que Manuel Cabanas se fixese cargo do negocio. Un dos camareiros leva 40 anos servindo aos clientes e unha cociñeira máis de 30 preparando saborosos pratos da gastronomía galega.

Precisamente, esa é a mellor baza dos negocios da familia Cabanas: a cociña tradicional. O turismo, que é un grupo forte dentro da súa clientela, prefire probar o produto galego cando visita Compostela. E é que «a cociña galega é bastante boa». Por 13 euros, se se escolle menú, e por uns 25 se un decide mirar a carta, pódese comer en ámbolos dous locais.

Ademais, o preto que están os dous negocios é absolutamente positivo. Cando Jesús comezou a xestionar o Central, o seu pai botáballe unha man de cando en vez, cando xurdía algún problema. E ao revés tamén pasa, aínda hoxe. Por iso a competencia tampouco é un problema, nin co seu pai nin co resto dos establecementos hostaleiros da rúa de viños e racións por antonomasia. «Estou a favor da competencia, é boa sobre todo para os clientes», chancea Jesús, para despois engadir que «tamén é boa para os propietarios, para que non nos durmamos».

Competencia que será menor no ano santo. «Temos grandes expectativas, pero pode vir menos xente, xa o dixo o Goberno», conclúe.