«Estudamos a convivencia de faisán e perdiz nos montes»

Amelia Ferreiroa

DEZA

A asociación que preside o lalinense conta cunha axuda de Medio Rural que se distribuirá nos 155 cotos do colectivo

10 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Propietarios Rurais e Productores de Caza de Galicia (APROCA) recibiu da consellería de Medio Rural unha achega de 80.000 euros para desenvolver actividades cinexéticas. O presidente da asociación, que ostenta tamén a dirección da Sociedade de Caza e Pesca de Lalín, ten previsto facer chegar esta cuantía aos cotos cos que conta o colectivo.

-En Galicia hai actualmente máis de 400 cotos en funcionamento. En 155 deles Aproca conta con representación polo que a subvención de 80.000 euros é importante pero hai que distribuir axeitadamente os cartos. Estudar as necesidades en cada sitio e ir investindo segundo co que se conte. É certo que cando eu entrei de presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Lalín os plans cinexéticos eran carísimos. Se penso en oito anos para atrás, o plan fora contratado en millón e medio e hoxe só custa catrocentas mil (pesetas).

-¿A que se destinarán as maiores partidas?

-Os cursos de formación son, dende logo, imprescindibles. Temos que continuar con eles ao igual que coas instalacións de biotopos, que é o que pensamos facer con parte desta subvención da Xunta. Por outra banda imos seguir impulsando estudos sobre a compatibilidade no medio de perdiz e faisán. Queremos saber se poden convivir perfectamente ou non.

-Sempre insiste na necesidade de realizar desbroces, ¿aproveitarán unha parte da subvención para elo?

-Para desbroces nos montes, para manter o equipo xurídico co que contamos -e que se ocupa das sancións e de todo tipo de asesoramento-. É, ademáis, un asesoramento constante para todas aquelas dúbidas e cuestións que se van prantexando ao longo da tempada e a hora, por exemplo, de convocar asembleas e de constituir a orde do día das mesmas.

-¿Realizan compras en conxunto?

-Claro. Habitualmente mercamos en conxunto perdices e coellos do monte. Lembro que as perdices se pagaban a oito euros a unidade e hoxe están entre os 6,10 e os 7 euros. A diferencia é considerable.

-Recentemente dende o Sindicato Unións Agrarias se pedían máis batidas para acabar cos xabaríns en varias parroquias lalinenses polos destrozos que estaban a causar...

-Os empresarios do agro teñen que vivir do seu polo que sería estúpido pola nosa parte non axudarlles cando o precisan. Fomos os primeiros en pedir batidas nas zonas afectadas polos danos do xabarín, pero non se poden facer dun día para outro. Houbo que agardar os permisos pero xa se comezaron en agosto.