Nas instalacións do Casino celebrarase a xornada que reunirá a profesores e ao xuiz do xulgado da Fonsagrada
26 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Recentemente o coordinador da Mesa pola Normalización Lingüística en Deza, Luis Couto, facía un chamamento á cidadanía en xeral e a colectivos en particular para que tomasen parte nunha reunión encamiñada a pór en marcha na zona a Plataforma Queremos Galego. Un primeiro encontro ao que asistiron representantes de varios colectivos culturais e sociais da comarca que apostaron por iniciar unha serie de actividades para reivindicar a permanencia do galego no decorrer do día a día. Xurde, deste xeito, o Seminario de Autodefensa Lingüística que se celebrará o próximo 2 de outubro, a partires das 20 horas, no Círculo de Recreo de Lalín. Seminario que contará coa presenza e intervencións de María Xosé R. Alvárez, Ruco Alvárez e Luis Villares, amplos coñecedores e estudosos da lingua galega. A primeira das exposicións que se achegarán ao público asistente o venres 2 de outubro será a de María Xosé R. Alvárez, profesora de galego de Ensino Secundario de Lugo. Falará de sociolingüística e o seu obxectivo será demostrar científicamente o retroceso que se percibe no uso da lingua. De seguido, intervirá o biólogo, matemático e investigador e docente da USC (Campus de Lugo) Ruco Alvárez. Unha persoa que posúe amplos coñecementos sobre a lingua. Ruco Alvárez tén no seu haber varias experiencias en distintas universidades tanto escandinavas como centroeuropeas. Alvárez debullou ao longo dos últimos anos o concepto de racismo lingüístico. O derradeiro convidado ao Seminario de Autodefensa Lingüística será o xuiz titular do Xulgado da Fonsagrada, Luis Villares, que é tamén portavoz do colectivo de Xuices pola Democracia en Galicia. Luis Villares foi quen argumentou a inconstitucionalidade de propostas coma a segregación de alumnos por razóns de lingua.
O Seminario de Autodefensa Lingüística está aberto á asistencia de todos os cidadáns que desexen asistir. A entrada será de balde e, dende a Plataforma Queremos Galego en Deza, se está achegando dita convocatoria a todos aqueles colectivos que asistiron á reunión previa á constitución da plataforma pero tamén a outras asociacións da comarca que puideran estar interesadas neste tema.
O obxectivo da Plataforma Queremos Galego é seguir promovendo actividades en pro da lingua galega ao longo dos vindeiros meses en distintos rincóns da comarca de Deza.