As verdades son mentira

La Voz

DEZA

A verdade como moito é un concepto. Xogamos cos conceptos como xogamos co Monopoly: como se todo fose real, como se vender fose mellor que comprar ou como se unha vez que aceptamos a convención xa non tivésemos dereito a repensala. Pero o importante de cada cousa é a circunstancia. E baixo case todas as circunstancias hai puntos de vista da verdade que demostran que é mentira.

?Arredor do eu. Especulamos tanto sobre o eu e sobre as súas secretas intencións que quizais ocultemos a verdadeira razón do seu ser. O ego quere estar sempre de corpo presente, evidenciando os manexos, reducindo as distancias, demostrando que é unha máquina de calcular razóns para facer ou deixar de facer. Exactamente como un presidente da Xunta. Debería existir unha teoría egocéntrica do universo porque o universo non se move nin polos cartos, nin polo sexo. Móvese polos miles de millóns de egos soltos polo planeta, no seu libre albedrío. Uns chocando insistentemente contra outros e algúns dando a brasa en círculos que eles consideran espiral de ascenso. Por iso o mundo é un caos. Non hai xeito de ordenar o tráfico de tantos eus en libre circulación. Non hai semáforos para todos. Logo hai choques e na violencia do rasconazo e as súas chispas as comparacións fanse odiosas porque a primeira ficción do individuo é o seu ego.

Manexos húmidos. As palabras enganan e as que son verdade máis. Para non deixarse enganar polas cousas cómpre mirarlle as alternativas e as posibilidades. A Shakespeare, por exemplo, dámoslle moitas voltas e de tanto manexo pode ser que o convertamos nunha verdade ou nunha convención. Hai días que estas dúas palabras e os seus campos semánticos semellan os mesmos. Pero eu creo que é unha confusión interesada ou un recoñecemento de que somos máis febles do que cremos. É como nas rebaixas: chamamos verdade a algo que aceptemos entre cinco ou seis e algún medio de comunicación decida amplificar. Entre cinco ou seis millóns de persoas está aceptado que Shakespeare é teatro clásico. Parece unha verdade, pero é unha convención. Un dos asuntos a reflexionar é por que ás obras de Sir William lles acaen tan ben algunhas aplicacións do clown, como tamén sucede en ocasións con Beckett. Evitando lugares comúns ou convencións sobre as calidades dos clásicos quizais poderiamos asegurar que como todos somos Shakespeare e unha parte fundamental do teatro son aqueles que miran. A quen nos acae ben o cómico é a nós porque non hai outra maneira de explicar tanto despropósito sen romper nada.