«O centro non pode pecharse»

Amelia Ferreiroa

DEZA

A raíz da posta en marcha dunha campaña para acadar máis matrículas, a Anpa conseguiu once altas en sete días

08 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O colexio público Varela Buxán de Cercio (Lalín), ao igual que outros moitos centros do rural galego, veñen rexistrando un descenso do número de matrículas. A Anpa do centro iniciou unha campaña encamiñada a captar máis alumnado.

-¿En que momento deciden botar a andar esta campaña?

-A finais do pasado curso académico constatamos a caída de matrículas que se produciran no centro e as previsións non eran alentadoras. Era preciso buscar unha saída á situación que se estaba a dar, ninguén nos comunicaba nada, e por iso xurdiu esta iniciativa.

-Cercio era un centro no que abundaban os rapaces, aulas cheas...

-O descenso de matrículas non foi de golpe. É un dato que fomos constatando co paso dos anos. No colexio de Cercio chegamos a contar con 230 alumnos matriculados. Cando rematou o pasado curso académico as previsións que se barallaban era que habería 33 nenos. Algo había que facer.

-Levan pouco máis dunha semán coa campaña, ¿que resultados están obtendo?

-En sete días conseguimos once novas matrículas que é un bon resultado, ao noso entender. A intención é que a cifra sega medrando. O que sí é certo é que estamos recibindo numerosas chamadas de pais de Lalín que están interesados en contar con máis información sobre as matrículas.

-¿Que ofertan?

-Un centro con moi boas instalacións, comedor escolar e transporte escolar de balde para os alumnos dende o casco urbán lalinense.

-¿As once matrículas rexistradas son de cativos que residen no casco urbán?

-Así é. Son pais que tiñan problemas á hora de contar con servizo de comedor para os seus fillos nos colexios do casco urbán. Nós, en Cercio, non temos problemas desta índole. Contamos con sitio suficiente.

-¿Educación deu o visto bon para o transporte dos rapaces dende Lalín centro?

-Foi unha das cuestións que primeiro prantexamos co inspector de Educación. O único requisito que nos pediron foi que contaramos cun mínimo de dez alumnos para artellar o servizo de transporte dende Lalín casco até a parroquia de Cercio.

-Cifra mínima que xa superaron...

-E toda a directiva da Anpa esperamos que continúe medrando. Que saiban todos que o colexio de Cercio non está obsoleto e os nenos estudarán nunha instalacións que están en moi boas condicións.

-Vostedes teñen tamén un convenio co colexio Xesús Golmar de Lalín, ¿en que consiste?

-Primeiro decir que agradecemos a boa acollida que tivo a nosa iniciativa no colexio Xesús Golmar e é certo que contamos cun convenio que lles permitirá, aos pais que o desexen, que os seus fillos vaian ao programa de canguraxe do colexio lalinense. O transporte escolar deixará aos cativos no Xesús Golmar -despois das clases en Cercio- para que asistan ás actividades que se levarán a cabo no colexio do casco urbán.

-Teñen claro que o colexio de Cercio non pode pecharse...

-O centro non pode pecharse. Non podemos baixar os brazos e agardar... Os nenos do rural teñen os mesmos dereitos cos do casco urbán. Os membros da Anpa estamos dispostos a loitar para que o centro se manteña aberto.