Carlos Blanco e Mofa e Befa, no décimo aniversario do Barriga

Amelia Ferreiroa

DEZA

Os artistas que pasaron polo Barriga Verde están convidados aos actos de aniversario, a celebrar do 9 ao 11 de xullo

20 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Barriga Verde é, sin dúbidas, un café peculiar. Un punto de encontro -sito en Lalín- para os artistas, e para todos aqueles que queren encontrar un sitio no que amosar a súa creatividade en calquera vertente. Ao longo dos últimos anos moitas foron as actividades alí desenvolvidas, e nesa línea de programación traballan os seus responsables. O Barriga Verde cumpre dez anos de vida. «Penso que se inaugurou en xullo, o día 8. Por iso estamos a programar actividades de celebración para os días 9, 10 e 11 do vindeiro mes», explicou Carlos Montilla do Barriga Verde.

No pasado mes de abril, baixo o título de «Dez anos na barriga do Barriga Verde Café», un grupo de amigos do establecemento lalinense organizaron unha celebración sorpresa con motivo da efeméride que a piques está de cumprirse. Música en directo, verbas, poemas e un libro que recompila sentementos. «Os amigos do Barriga Verde organizaron a súa particular festa de décimo aniversario e agora tócanos a nós convidalos a todos aos actos que estamos pechando. A intención é que sexa unha gran festa á que están invitados todos aqueles que pasaron por aquí nestes anos. Haberá unha exposición, cubriremos distintos espazos do día... Non faltará unha actuación do grupo Viravolta, contaremos con Carlos Blanco -que xa confirmou a súa asistencia-, e tamén estará Mofa e Befa presentando a súa última obra. A verdade é que nos apetece traer a xente que xa estivo actuando aquí, que deixou unha importante pegada».

Dentro da programación deste aniversario xa se sabe que Carlos Blanco actuará o xoves e Mofa e Befa faráo o sábado. Por outra banda, estase a traballar na realización dunha retrospectiva do Barriga Verde en imaxes. «Material hai, afortunadamente. Tamén contamos con toda a cartelería dos artistas que pasaron por aquí nos dez anos e non descartamos facer algo con todo iso». Pero no Barriga haberá máis cousas neste verán. Carlos Montilla pretende realizar unha programación semanal para o vindeiro mes de agosto. «Iván e o seu trío, Celsiño e unha formación de Vilagarcía estarán actuando no Barriga este verán. Logo nos prantexamos novos retos de cara ao futuro para os que agardamos colaboración da xente. Queremos que nos expoñan tamén as súas inquedanzas para tentar darlles resposta».