O plan estratéxico da Universidade de Santiago ten o obxectivo de situar a institución académica entre as cen mellores de Europa no 2015, un camiño que pasa pola adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e pola excelencia na docencia e na investigación. Senén Barro teima na demanda dun novo plan de financiamento e admite que «as expectativas na Xunta son malas». O reitor da USC dixo no Foro Voces de Compostela, de Radio Voz, que «cunha man hai que pedir, porque non pedimos para nós senón para retornar con creces á sociedade cada euro que entra, pero coa outra man traballando sempre».
FACULTADES DE MEDICINA
«Non se precisan máis»
«Custaría moitísimos cartos e non creo que a inversión necesaria se vexa compensada cunha mellora da formación. Estamos traballando para que a formación clínica se dea non só no CHUS senón nos outros hospitais da rede do Sergas. Isto é moi distinto de ter outras facultades que o que farían sería distribuír os estudantes que estamos recibindo aquí porque non se precisan máis de entrada. Estamos recibindo 350 e podemos chegar a 400. España é o cuarto país da UE en relación médicos por poboación. Formar a un futuro médico custa bastante por riba dos 100.000 euros e aínda moitos vanse a outros países. Hai que facer unha boa planificación para cubrir as especialidades que teñen carencias, pero non se precisan máis estudantes. O outro son gañas de contentar a certos poderes fácticos».
CAMPUS DE CIENCIAS DA SAÚDE
«Unha prioridade sen cartos»
«Este é un bo exemplo de necesidades absolutamente prioritarias e que non teñen recursos. A USC non ten cartos para facer ese campus pese a que todo o que estamos recuperando do vello hospital estase investindo aí. Os recursos externos só veñen para I+D, iso explica por que estamos construíndo centros de investigación e a nova facultade non é posible, porque non hai recursos propios para infraestruturas, non hai un can».
A USC, DAS MELLORES DE ESPAÑA
«Recursos segundo o perfil»
«Cando a USC sae ben situada en todos e cada un dos ránkings, é significativo. As outras dúas universidades galegas son boas. É verdade que en determinados campos, como a investigación, non están ao noso nivel, xogan a outra escala. O risco é que se nos intente tratar a todas igual, e non é unha cuestión de discriminación por situarnos nunha posición de elite, senón que cada unha ten un perfil de actividade distinto e iso requiere recursos distintos en lugares distintos. Cada euro que captan os nosos investigadores para facer un proxecto de investigación require que a USC teña 0,40 euros de soporte para a súa execución. Se non os ten, ese euro que entra malgastarase. Ese é o gran problema».
PLAN DE FINANCIAMENTO
«Debe pagar a investigación»
«Precisamos un modelo que contemple o custe estrutural da investigación. Ao final es menos eficiente do que podías ser e tes que estar distraendo recursos para soster unha actividade investigadora que por fortuna chegamos a obter. ¿Expectativas na Xunta? Non son boas, non o digo eu, xa o avanzou o conselleiro, son malas. É verdade que o momento é difícil. A min cústame, máis que nunca, argumentar as necesidades da universidade, porque vexo o que está a pasar no noso entorno».
POLÉMICA DA LINGUA
«Galego, español e inglés»
«Nós queremos que os nosos titulados falen galego, español e cando menos inglés, e se é posible, unha cuarta lingua. A dificultade dunha universidade como a USC é como defende, respecta e axuda a manter a súa lingua propia, que é o galego, e a súa historia e ao mesmo tempo é internacional e quere, se poden ser 5.000 estudantes estraxeiros que non sexan mil. Hai que esforzarse nese sentido. Por exemplo, acabamos de elaborar unha nova normativa para as probas de selección de profesorado: esiximos o galego ex post, é dicir, queremos o mellor profesor que se presente, independentemente de se sabe galego ou non, iso si, unha vez que gaña a plaza nos esforzamos en darlle unha formación para que acade un nivel de competencia en galego suficiente».
PROFESORADO ANTE BOLONIA
«Fan falta recursos»
«Se non hai recursos, unha parte do esforzo do profesorado por adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior perderase. Porque non é só que a persoa se forme, teña vontade e como mínimo a coraxe de levar os cambios adiante, porque hai que ter infraestrutura, grupos reducidos, material... Eu levo cinco ministros e con cada un temos un cambio de enfoque do Espazo Europeo, isto é desincentivador, pero son optimista, creo na profesionalidade do profesorado».
PLANS DE ESTUDO
«Hai que erguer a vista»
«Non se trata de facer os plans de estudo ao ditado das empresas, pero si hai que erguer a vista dos papeis e ver que están pedindo os empregadores. Cada vez máis, se convida a profesionais e empresarios a participar na elaboración dos plans de estudo, e son consciente de que hai moito que andar».
CAMPUS SUR
«Para toda a cidade»
«O campus sur é unha xoia, pero está enormemente degradado. Temos un proxecto para recuperalo. Por ubicación podería haber dous párkings rendibles, un na zona das residencias e outro donde está o campo de fútbol, que é donde nós cremos que hai que facelo. O da zona das residencias sería moi agresivo, é inasumible. No outro non hai ningún problema. Pero o campus non pode ser unha bolsa de aparcamento. O noso proxecto trata de conciliar a recuperación do campus sur para a toda a cidade, non só para autoconsumo dos universitarios, porque é un parque máis da cidade».
BOTELLÓN
«É un problema de todos»
«O botellón preocúpanos. É un elemento máis de degradación do campus. O Concello botounos de onde estaban, pero era obvio que entón irían un pouco máis abaixo. É un problema de todos e hai que abordalo dende o punto de vista da educación, da familia, da universidade, da administración local, sanitario... Eu dixen, habilitemos tal sitio -que non quero dicir- para que en condicións dignas se concentren alí e molesten o menos posible. Ao mesmo tempo que atacamos a base deste problema, hai que darlle solucións».