O Club Deportivo Estradense sacudiuse en Celanova os nervios e a mala racha, e este domingo, na casa, volveu amosarse como o equipo que pelexou polo primeiro posto da clasificación durante boa parte da Liga. Os pupilos de Pencho e Manolo Blanco venceron 2-1 ao Cruceiro, arrebatándolle así o terceiro posto da táboa aos de Hío nun partido no que os estradenses tiveron que remontar un gol, dándolle a volta ao marcador en só cinco minutos.
Pencho amosábase onte satisfeito co rendemento do equipo ante o Cruceiro, e sinalaba que o do pasado domingo foi un dos pouco encontros de Liga nos que o equipo técnico puido facer convocatoria. Para Pencho, as sucesivas baixas e lesións que afectaron á plantilla durante todo o campionato foron as causantes da baixada de rendemento do equipo, e dos «momentos críticos da segunda volta».
O co adestrador do conxunto «rojillo» indicou que o equipo ante o Cruceiro tivo «reacción e claridade no xogo durante toda a segunda metade; o Estradense foi competitivo», logrando remontar o gol rival e gozando de oportunidades para incrementar o marcador. Pencho considera que o resultado do pasado domingo aporta «ánimo» á plantilla, sobre todo porque «agora xa temos garantida a quinta praza, e o que temos é que defender a terceira».
O obxectivo do conxunto estradense pasa por asegurarse a terceira posición da táboa clasificatoria, que permita aínda soñar cunha mínima esperanza de ascenso, en función de como se desenvolvan as outras categorías. «A Liga aínda está aberta, e nós temos que defender a terceira praza ante o Salvaterra, que agora en teoría está salvado, pero aínda non está garantido». O adestrador subliñou que «o bo é que nós dependemos de nós mesmos para ter o terceiro posto», que se porá en xogo o vindeiro domingo en Salvaterra.