As Dores sortean a crise

Amelia Ferreiroa

DEZA

A comisión de festas de Lalín iniciará a visita ás empresas en breve, un mozo irá polas casas e dúas xoves aos bares

15 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A sempre difícil tarefa de recadar fondos para as festas patronais de As Dores de Lalín non se vai demorar moito. Xa para a vindeira semán está previsto comezar a pedir nas empresas asentadas nos polígonos industriais Lalín 2000 e de Botos. Os integrantes da comisión organizadora dos festexos pretenden chegar ao vindeiro mes de agosto con todas as visitas feitas, para centrarse logo na montaxe e celebración dos festexos sen ter que estar aínda pendentes dunha determinada visita a algún empresario, comerciante ou hostaleiro.

O grupo organizativo dos festexos, coa concelleira de Festas Nuria Rodríguez Carral ao fronte, contará este ano coa colaboración de tres mozos da vila. Un deles farase cargo soamente da visita a todas e cada unha das vivendas da vila -o que lle suporá unha dura tarefa debido ao elevado número de pisos existentes no casco urbán-, e dúas xoves se comprometeron a xirar visita aos distintos establecementos de hostalaría da localidade. O petitorio polas vivendas unifamiliares arrancará pola zona de Carragoso, e ao igual que nos polígonos dará comezo axiña.

Unha das grandes preocupacións da organización é poder xuntar os cartos necesarios para sufragar as festas debido á situación financieira que se está viviendo. Empresas lalinenses que habitualmente colaboraban coas festas poderían non poder facelo debido aos recortes orzamentarios levados a cabo na firma. Unha situación que podería repetirse en moitas fábricas lalinenses. De todos os xeitos os organizadores apostaron por manter os mesmos días de festas, que veñen sendo tradicionais en As Dores; de venres a martes, e incluso están agora barallando a posibilidade de traer algún concerto -aínda que non sexa dun grupo revelación- polo elevado desembolso económico que habería que afrontar.

As festas patronais do vindeiro mes de setembro contarán coas actuacións dalgunhas das mellores orquestras do panorama musical actual. O contrato deste paquete de agrupacións suporá un desembolso total de 72.000 euros. Unha cifra á que haberá que engadirlle o prezo por actuación das distintas bandas de música que se acheguen a Lalín, charangas -que haberá máis que en pasadas edicións-, agrupacións de gaiteiros, sesións de fogos, permisos e alumeado. As Dores poderían ascender a 150.000 euros aproximadamente, e se non hai variacións respecto a anos anteriores o Concello de Lalín fará unha aportación para os festexos de 60.000 euros.