Tonino e Sergio Pazos, que encarnan a un psicólogo e un asasino, protagonizan a peza que se representará en Lalín
23 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O actor ourensán Sergio Pazos volta a Lalín. Nesta ocasión, xunto a Tonino Guitián, protagonizan a obra de teatro Maté a un tipo que se vai representar mañán venres a partires das 21.30 horas, no Novo Salón Teatro de Lalín.
-¿Unha obra para pasalo ben?
-Maté a un tipo é unha comedia moi, moi negra. É unha situación que lle pode pasar a un matrimonio calquera de Lalín: chegas á casa e só lle comentas á muller que fuches ao caixeiro e alí mataches a un tipo... É preciso buscar unha solución ao problema. Tonino Guitián, que tamén estivo no programa Caiga quien Caiga e que posúe raíces galegas, fai de psicólogo na obra e eu son o asasino en serie. É un crime fortuito que vai desencadear unha serie de acontecementos e ata aquí podo contar... A verdade é que somos unha compañía moi pequena pero alí onde levamos a obra, gustou e esperamos que suceda o mesmo en Lalín.
-Asasinatos, ¿todo un drama sobre o escenario?
-O tema parece máis escabroso do que é en realidade. O que pretendemos é que o público que veña a vernos pase unha hora ou unha hora e pico fenomenalmente ben. É unha obra con humor moi negro que é moi galego tamén.
-Máis de dez anos na serie Pratos Combinados, de reporteiro en Caiga quien Caiga co Gran Wyoming pero tamén en obras teatrais coma Pareja abierta ou No se nos puede dejar solos, ¿con que se queda co teatro ou coa televisión?
-A televisión xa que cobras e te coñecen, pero sentir a respiración do público no teatro é algo único. A tele te fai popular é iso non é malo dende o meu punto de vista.
-Máis de un aínda lembrará seguramente as cámaras ocultas que facía ou aquel pregón do Galo de Curral, en Vila de Cruces..
-Fixemos algunhas cámaras ocultas na zona é certo. Unha delas foi precisamente en Lalín cunha declaración da renda e pillamos a un paisano fabuloso... Tampouco me esquenzo do pregón ou de Lalín, que xa sabes que teño un compañeiro de piso -Pekas- que é o máis guapo de Lalín despois de súa nai e de seu pai. Non me deixa olvidarme da zona e eu, sempre que podo, deixo Madrid e aí estou en Galicia.
-No horizonte de Sergio Pazos respecto aos vindeiros proxectos, ¿que temos?
-Primeiro toca madeira, que xa sabes que somos do máis supersticiosos... Proxectos hai agora mesmo moitos, pero á espera sempre de que vaian xurdindo e cobrando corpo. Teño un programa de verán a piques de saír, que é semellante ao Gran Prix pero con chiringuitos de praia, presentei tamén outro interesante proxecto na galega e outro piloto sobre cociña en paradores nacionais... Iniciativas teño moitas e toca agora esperar a que se vaian materializando e a seguir tamén co teatro.