Os xuvenís roxinegros están a converterse na sorperesa de Liga Nacional; tras comezar encadeando derrotas, sitúanse nos postos de cabeza da clasificación
22 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Asegurarse a permanencia logo de ascender de categoría non é unha meta sinxela, e moito menos, facerse un oco entre os equipos que comandan a clasificación. Sen embargo, o equipo xuvenil do Club Deportivo Lalín, ás caladas e paseniño, conseguiu escalar postos ata situarse arestora como quinto clasificado. Cando restan por disputar 18 puntos, o equipo de Liga Nacional mesmo ten opcións de ascenso a División de Honra. A veteranía de Román Blanco á hora de dirixir o banquillo, é sen dúbida un dos factores que máis pesa nos resultados dos lalinenses.
-O Lalín é un equipo recén ascendido a Liga Nacional, e agora mesmo ten opcións de ascenso a Honra. ¿Podemos falar de que se trata da sorpresa da categoría?
-Cando un equipo é recén ascendido, pois ninguén conta con el na zona alta da táboa, e menos cando dos quince primeiros puntos que se xogaron só fixemos un. Si se podería dicir que somos a sorpresa da tempada.
-¿E que hai detrás desa sorpresa?
-Traballo, dedicación e un equipo de rapaces que ten moitísimas gañas e ilusión. Teño un equipo de dez en canto a esforzo e compromiso. Esta tempada tiven algo positivo que non tivera nos cinco anos que levo en xuvenís, e é o feito de ter catro días á semana a toda a plantilla traballando. Son rapaces con total compromiso no día a día, e aos que sobre todo lles gusta o fútbol.
-¿Onde radica a chave dos bos resultados?
-Penso que no traballo día a día e en que o fútbol non é só técnica, tamén é fundamental ser grupo, e neste caso, son todos rapaces que se implican.
-Agora mesmo o C.D. Lalín está a codearse coa zona alta, pero antes lembraba os complicados inicios da actual Liga.
-Ao principio custounos un pouco, pero é normal, porque tiñamos un equipo con xente chegada de cadetes, outros de dúas categorías máis abaixo... hai que adaptarse á categoría nova, e á carga de traballo, que tamén se incrementa. Unha vez que coñeces tamén a categoría pois todo se vai axustando máis e mellórase. Agora, rivais que na primeira volta nos custaron moito, sonnos moito máis asequibles.
-Botar a vista atrás agora pode resultar sinxelo, pero a comezos da Liga, ¿cría posible enfiar a recta final do campionato con esta comodidade?
-Eu sempre tiven fe no equipo, xa dende o principio, porque ao grupo á hora de traballar e de implicarse non se lle pode poñer pega ningunha. Anima moito ver traballar á xente, e fai pensar que os bos resultados chegarán. Eu fun sempre optimista.
-En calquera caso, xa dende comezos da tempada o equipo estivo lastrado por ter un número de efectivos moi xustiño.
-Fomos toda a Liga moi xustiños, e poucas veces poidemos cubrir a convocatoria de 16 xogadores. Está claro que tivemos dificultades, pero fomos mellorando, e xogadores aos que ao principio lles custaba a categoría, pois agora aportan cousas importantes.
-¿Como ve a situación actual do equipo?
-Estamos nun bo momento físico e anímico. É unha situación que temos que disfrutar ao tempo que temos que continuar esixíndonos. Temos que ser fieis ao noso estilo, e traballar unicamente pensando no seguinte partido. O fundamental para nós é chegar o luns e pensar só no traballo que temos que facer ese día e os seguintes ata o partido do sábado.