Cantigas galegas de sempre

Amelia Ferreiroa

DEZA

O grupo Ledicia actuará mañán, ás 21 horas, no Salón Teatro de Lalín dentro da programación Vai de Camiño

02 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das actuacións incluidas no programa Vai de Camiño recaerá mañán na capital dezá e será da man do grupo Ledicia, de Ferrol. Foi co gallo do festival de música infantil Cantareliña cando naceu a agrupación no colexio Manuel Masdúas, de Caranza. «Un nacemento que se remonta vintecinco anos atrás», lembra Xosé Lastra do grupo Ledicia. «Nós está claro que non estamos no ránking de súper vendas pero aquí continuamos en activo despois de tantos anos. Polo grupo foron pasando moitos nenos e nenas do colexio pero sí que queda a base instrumental», explica Lastra.

«Contamos con pais de vellos alumnos, mestres e mesmo algún alumno que actualmente xa non está no centro educativo pero mantén a súa estreita relación co grupo ao seguir formando parte do mesmo», expón este membro do gruo Ledicia. No grupo Ledicia hai, polo tanto, intérpretes de todas as idades pero o achegamento ao mundo das cantigas en galego comeza axiña no colexio Manuel Masdúas. «Familiarízanse coas cantigas dende pequenos, e cando chegan a terceiro de Primaria xa poden entrar no grupo e aí están moitos ata que se marchan para o instituto ou a universidade».

Formación con cambios

Ledicia é un grupo que polas modificacións numéricas que ven padecendo ao longo dos últimos vintecinco anos de vida precisa dunha posta a punto continua, para adaptar as novas voces. «Este ano contamos coa incorporación de oito novos cativos pero non supón problemas á hora de ensaiar xa que os rapaces que chegan ao centro, a partires dos tres anos xa van coñecendo as cantigas e mesmo as cantan», salienta Xosé Lastra.

Pese a estar falando de cantigas en galego interpretadas dende a infancia o repertorio do grupo Ledicia vai máis aló. «As nosas actuacións están pensadas para todos os públicos. Solemos interpretar cantigas infantís coñecidas por todos os públicos pero tamén un amplo abano de pezas que nos deixan amigos músicos. É un repertorio moi homoxéneo».

O principal obxetivo que segue movendo a este grupo galego é dar a coñecer as cantigas en galego ao maior número posible de persoas. Aí está este ciclo de actuacións dentro do programa Vai de Camiño pero tamén as numerosas interpretacións realizadas pola formacións por outros países. «As cantigas están sempre presentes no noso colexio e así desexamos que continúe. E, para os futuros asistentes ao acto, o noso desexo de que lles agrade a actuación. Ademais seguro que moitas das pezas que imos interpretar serán sobradamente coñecidas polo público», expón este portavoz de Ledicia.