Entreterse gastando pouco

Amelia Ferreiroa

DEZA

Socias do colectivo de Amas de Casa de A Estrada viaxan hoxe ao Salnés, dentro da programación para este exercicio

28 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Non mudaron as políticas de subvencións que habitualmente convocan as administracións e, ate o momento, a Asociación de Amas de Casa de A Estrada pechou boa parte das súas actividades axustándose ao superávit co que conta na actualidade o colectivo. Non é que teñamos moito diñeiro, salienta a presidenta Marisé García, «pero non arrastramos ninguhna débeda co cal xa estamos ante unha boa nova. Algún diñeiro nos queda e sobre iso é como fomos prantexando as actividades a celebrar de cara aos vindeiros meses». A asociación estradense, ao igual que outros colectivos culturais e de amas de casa, bota man das socias e mesmo de persoas que habitualmente colaboran con ditas entidades para impartir determinados cursos e celebrar actividades. Iso sucederá coas xornadas gastronómicas que celebrará a Asociación de Amas de Casa de A Estrada. As dúas primeiras datas de celebración xa están pechadas. Será o 2 e o 16 de abril, e a encargada de ofrecelas será Mary Nixón. «É socia nosa e lle pedimos colaboración para esta actividade e se prestou voluntaria sin ningún tipo de problema. De momento, o único que sabemos desas xornadas é que terán moito que ver coa Pascua pero non coa elaboración de roscas. Xa veremos co que nos sorprende Mary».

A asociación continuará con todos aqueles cursos que xa se están a impartir, e que tanto éxito están tendo entre as socias. Pilates, palillos... «Nós o que nos propoñemos é facer moitas actividades pero con poucos cartos, porque non os hai. Se se convocan as subvencións e nos dan diñeiro xa poderemos prantexarnos outras actividades. Por suposto que dende a directiva nos mantemos sempre abertas e receptivas ás opinións das socias e a aquelas actividades ou cursos que lles gustarían ter na asociación. Se hai peticións suficientes e disponibilidade económica non é difícil facelo». Agora, o máis próximo é unha viaxe ao Salnés que terá lugar hoxe mesmo. Socias do colectivo estradense visitarán o Museo do Viño, o Pazo de Torreiro e a casa de Cabanillas con motivo do seu cincoenta aniversario. Está previsto que tamén xiren visita ao Muiño da Seca. Por outra banda, séguese estudando a posibilidade de realizar unha viaxe un pouco máis longa que sería -nesta ocasión- a Extremadura. «Estariamos falando de cinco días de duración e o viaxe sería costeado por cada unha das socias interesadas en participar no mesmo. De momento non temos datas pechadas e aínda é preciso ver prezos definitivos, o número de asociadas que poderían estar interesadas en desprazarse. Tampouco descartamos facer unha viaxe máis lonxana pero para iso haberá que agardar as achegas, se é que aparecen».